Máis de 461.000 galegas e galegos do exterior poderán solicitar o seu voto por correo para as eleccións autonómicas ao Parlamento galego ata o vindeiro 13 de xuño

A publicación do Decreto 72/2020, do 18 de maio, de convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia, recollido no Diario Oficial de Galicia de onte, marcou o inicio do prazo de rogo do voto. 

Entre o 16 e o 22 de xuño a delegación provincial do Censo Electoral enviará a documentación electoral a aquelas e aqueles galegos inscritos no Censo de Electores Residentes Ausentes (CERA) que a solicitaran previamente.

O voto poderá remitirse por correo ao consulado correspondente ata o 7 de xullo, mentres que en urna depositarase entre o 8 e o 10 de xullo. 

As e os galegos residentes no exterior teñen ata o 13 de xuño para solicitar o voto
As e os galegos residentes no exterior teñen ata o 13 de xuño para solicitar o voto
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020.

Os máis de 461.000 galegos e galegas residentes no exterior con dereito a voto, segundo a información que figura no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) a 1 de marzo de 2020, poderán solicitar ata o vindeiro día 13 de xuño a súa participación nas eleccións autonómicas ao Parlamento de Galicia convocadas para o 12 de xullo. A publicación do Decreto 72/2020, do 18 de maio, recollido onte no Diario Oficial de Galicia, marcou o inicio do prazo para que as cidadás e os cidadáns galegos que vivan no estranxeiro poidan rogar o seu voto e exercer o seu dereito constitucional. Será a delegación provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente a que remita o impreso oficial a través de correo postal, con independencia de que se atope dispoñible desde o día seguinte ao da convocatoria electoral nas dependencias consulares e de poder obterse tamén por vía telemática. 

O impreso oficial debe ir acompañado dunha fotocopia do pasaporte ou do Documento Nacional de Identidad (DNI), expedidos polas autoridades españolas ou, no seu defecto, certificación de nacionalidade ou de inscrición no Registro de Matrícula Consular expedidas polo Consulado de España no país de residencia.

Unha vez recibida a solicitude, as delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral enviará á dirección postal de cada un dos electores e electoras as papeletas e o sobre de votación, dous certificados idénticos de estar inscrito ou inscrita no CERA, así como un sobre no que debe figurar a dirección da xunta electoral competente, e outro coa dirección da Oficina Consular de Carrera ou Sección Consular da Misión Diplomática na que están inscritos. Esta documentación será enviada por correo certificada antes do 22 de xuño, data límite recollida na lei . 

Así, unha vez recibida a documentación, as e os galegos residentes no exterior terán ata o 7 de xullo para enviar por correo o seu voto ao consulado que lle corresponda. Namentres, aquelas e aqueles que prefiran depositalo persoalmente nas urnas situadas nos propios consulados terán de prazo entre o 8 e o 10 de xullo para facelo. 

Por correo ou en urna
Os electores e electoras que opten por exercer por correo o seu dereito de voto deberán incluír no sobre dirixido á xunta electoral correspondente, xunto ao sobre de votación e o certificado de estar inscrito ou inscrita no censo, unha fotocopia do pasaporte ou do DNI expedidos polas autoridades españolas ou, no seu defecto, certificación de nacionalidade ou certificación de inscrición no Registro de Matrícula Consular expedidas polo Consulado de España no país de residencia e envialo no sobre dirixido á Oficina Consular de Carrera ou Sección Consular da Misión Diplomática á que a electora ou elector estea adscrito, por correo certificado antes do 7 de xullo. 

Aquelas e aqueles electores que opten por depositar o voto en urna, farano entre o 8 e o 10 de xullo, ambos inclusive, entregando persoalmente o sobre naquelas oficina ou seccións consulares nas que estean inscritos ou nos lugares que a tal efecto se habiliten para iso. A este fin, as dependencias consulares habilitadas disporán dunha urna ou urnas custodiadas por un funcionario ou funcionaria consular, segundo establece a Ley Orgánica 5/1985, de 19 de junio, del Régimen Electoral General (LOREG). Nese caso, o elector ou electora acreditará a súa identidade ante a ou o funcionario consular mediante o pasaporte, o DNI ou a certificación correspondente e, previa exhibición e entrega dun dos certificados de inscrición no CERA que previamente recibiu, depositará o sobre dirixido á xunta electoral competente para o seu escrutinio, unha vez que a ou o funcionario consular estampe en dito sobre o selo da oficina consular no que conste a data do seu depósito.

En imaxes
511 lecturas