A sede electrónica da Xunta xa ten dispoñibles preto de 440 procedementos para tramitar de xeito telemático
A Xunta está a avanzar cara unha Administración electrónica máis eficiente, reducindo custos na xestión interna e diminuíndo as cargas administrativas para a cidadanía e empresas.
En menos dun ano desde a súa posta en marcha o número de procedementos accesibles de xeito electrónico nesta xanela virtual multiplicouse case por catro.
Eliminouse a petición de documentación básica que xa obra en poder da Administración como o DNI, o certificado de empadroamento ou de titularidade da conta bancaria simplificando xestións para os usuarios e usuarias.
Máis de 5.600 empregadas e empregados públicos da Xunta e da Administración de Xustiza teñen xa tarxeta con sinatura dixital que lles permite asinar documentos electronicamente.
O Portal da Xunta, que nos primeiros seis meses do ano máis de 6 millóns de visitas e ten máis de 11.000 seguidores e seguidoras en Facebook e Twitter, é o terceiro máis accesible de todas as Comunidades Autónomas.
A Xunta conta desde o pasado mes de marzo cun portal Open Data, Abert@s, que pon a disposición da cidadanía e empresas información da Administración en formatos abertos para o seu reemprego.
A Xunta de Galicia vén desenvolvendo un conxunto de medidas a través da Axenda Dixital 2014.gal para avanzar cara unha Administración electrónica capaz de ofrecer á cidadanía e empresas uns servizos eficientes e próximos mediante o emprego das tecnoloxías da información. Para a acadar este obxectivo o Goberno galego, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, está a desenvolver desde mediados de 2010 o Plan de Modernización da Administración Pública.
Sede electrónica
Desde setembro de 2011 cidadanía e empresas poden acceder á sede electrónica través da dirección https://sede.xunta.es. A día de hoxe pódense presentar de xeito telemático na sede un total de 437 procedementos, máis do 28% do total de trámites dispoñibles. En menos dun ano multiplicáronse case por catro os procedementos da sede. Esta porcentaxe irase incrementando co obxectivo de que a finais de 2012 o 95% dos novos procedementos se poidan presentar de xeito electrónico. Antes do inicio do Plan de Modernización só o 4% dos procedementos que se podían presentar de xeito telemático.
A sede electrónica, que se converterá no punto de acceso único a toda a Administración en internet, ofrecerá de xeito progresivo a mesma información e os mesmos servizos que teñen agora á súa disposición ás e aos cidadáns en calquera das xanelas das consellerías.
Outro dos avances nesta liña foi a implantación, a principios de 2011, do portal de interoperabilidade en todas as consellerías, que permite eliminar a petición de documentación básica como o DNI, o certificado de empadroamento e o de titularidade de conta bancaria. No primeiro semestre do ano esta ferramenta evitou a presentación do DNI en máis de 2.450 trámites de cidadáns ou cidadás e empresas así como o certificado de empadroamento a máis de 500 persoas.
Complementando esta medida o pasado mes de xaneiro entrou en vigor un procedemento de medición de cargas administrativas que garanta a redución dos custos e a simplificación da documentación esixible á cidadanía e empresas nos procedementos teñen á súa disposición. O sistema REDUCE estima que a presentación telemática de solicitudes para o procedemento administrativo ofrecerá ao solicitante un aforro de 75 euros, fronte a súa versión presencial.
DOG dixital
Desde maio de 2011 o DOG electrónico é unha realidade no enderezo http://dog.xunta.es., garantindo a mesma validez xurídica que a versión en papel. A substitución da versión impresa posibilita un aforro anual de 1 millón de euros ao eliminar o uso do papel xunto coa redución do impacto ambiental. Ademais, o portal de consulta obtivo no primeiro semestre do ano máis de 2,7 millóns de visitas.
Outras vantaxes da edición online é unha lectura máis fácil ao estar estruturado dun xeito máis sinxelo así como a universalización do servizo, facilitando a consulta gratuíta e o libre acceso a toda a cidadanía que o pode consultar as 24 horas os 365 días do ano.
Acreditación e sinatura dixital das e dos empregados públicos
Para avanzar cara a eAdministración é fundamental dotar ás e aos empregados públicos das ferramentas adecuadas para adaptar o seu traballo ás necesidades do novo escenario dixital. Este é un dos obxectivos do Proxecto Kronos de implantación da nova tarxeta intelixente que inclúe o certificado de empregado público, permite asinar dixitalmente os documentos dos procedementos telemáticos, regula o control horario e abre a porta a futura regulación da flexibilidade horaria e ao teletraballo.
O total de persoal acreditado ata o 30 de xuño ascende a un total de 5.600 traballadoras e traballadores públicos da Administración autonómica e da Xustiza en Galicia
En liña con anterior, e dentro da política cero papel, púxose en marcha o portasinaturas dixital, unha aplicación que no primeiro semestre de 2012 ano permitiu asinar electronicamente 27.000 documentos administrativos (convenios, pregos de contratación, memorias de facturas, circulares, instrucións, oficios, actas..). Este sistema permite aforrar tempo e desprazamentos e aporta máis seguridade xa que garante a identidade da ou do asinante e o momento da sinatura.
Impulso da web e das redes sociais
Un elemento clave en todo o proceso de modernización da Administración autonómica é presenza na rede e por iso o Goberno galego aprobou o pasado mes de outubro o Decreto que regula a presenza da Administración Xeral do Sector Público en Internet co obxectivo de conseguir unha administración máis transparente, participativa e colaboradora.
O decreto impulsa o uso das redes sociais como canle de diálogo, participación consulta e opinión. A Administración autonómica incrementou progresivamente a súa presenza nestas canles e actualmente conta con 130 canles en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo. O portal corporativo www.xunta.es conta con máis de 11.000 seguidores e seguidoras en Facebook e Twitter.
O portal reestruturouse en 2010 deixando atrás o concepto de web institucional para converterse nun espazo de información e servizos máis orientado ao cidadán reestruturación do portal.
O portal da Xunta de Galicia, que no primeiro semestre deste ano recibiu máis de 6 millóns de visitas de 120 países, é o terceiro máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública. En menos dun ano, entre xuño do 2010 e outubro de 2011, a web subiu dez postos nesta clasificación.
O portal web institucional tivo un crecemento significativo neste semestre no número de visitantes, cunha media mensual de 313.259, e tamén no número de visitas, cunha media mensual de 1.057.947 visitas.
Portal Abert@s
A Xunta conta desde o pasado mes de marzo cun portal Open Data, Abert@s, o espazo onde se está a publicar información de interese público da Administración galega e dos seus organismos en formatos abertos e estándar, para o seu reemprego, por parte da cidadanía e empresas.
Abertos púxose en marcha con máis de 240 conxuntos de datos de carácter xeográfico, estatístico, meteorolóxico, turístico, social ou económico entre outros, xerados pola propia Administración, e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros.
Con esta medida proporcionarase materia prima para o sector de contidos dixitais e ábrense novas oportunidades de negocio para emprendedores e emprendedoras que poden crear aplicacións e prestacións en base a esta información.
Novas relacionadas