A cidadanía galega pode presentar telemáticamente máis de 200 trámites na sede electrónica da Xunta

O Goberno galego cumpre os fitos marcados no Plan de Modernización para acadar unha verdadeira administración electrónica.

O obxectivo é que a finais de 2012 o 95% dos novos procedementos se poidan presentar electrónicamente.

O DOG dixital permitiu un aforro de máis de 660.000 euros nos 8 meses transcorridos desde a substitución da versión impresa.

Eliminouse a petición de documentación básica que xa obra en poder da Administración como o DNI, o certificado de empadroamento ou de titularidade da conta bancaria simplificando xestións para as e os usuarios.

Preto de 1.400 empregadas e empregados públicos da Xunta e da Administración de Xustiza teñen xa tarxeta con sinatura dixital que lles permite asinar documentos electronicamente.

Galicia é a segunda Comunidade que conta cun decreto que regula a presenza da administración na rede impulsando a participación cidadá a través das redes sociais.

O Portal da Xunta, que recibiu en 2011 máis de 12 millóns de visitas e ten 8.000 seguidores e seguidoras en Facebook e Twitter, é o terceiro máis accesible de todas as Comunidades Autónomas.

Listen to this page using ReadSpeaker
15 de febreiro de 2012.

Xunta de GaliciaA Xunta de Galicia está inmersa nun proceso de modernización para garantir ás e aos cidadáns a posibilidade de relacionarse telemáticamente coas administracións públicas con todas as garantías, aforrando custes e tempo. Para a acadar este obxectivo o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Modernización, está a desenvolver Plan de Modernización da Administración Pública.

Segundo explicaron esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Mar Pereira e o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada, o primeiro paso do Plan foi a aprobación en decembro de 2010 do Decreto que establece o marco de desenvolvemento da administración electrónica e que recollía, entre outras obrigas, o desenvolvemento da sede electrónica, a dixitalización do DOG, e a dotación ás e aos empregados públicos das ferramentas necesarias para avanzar na eAdministración.

Sede electrónica
Cumprindo cos fitos marcados desde setembro de 2011 cidadanía e empresas poden acceder á sede electrónica través da dirección https://sede.xunta.es. A día de hoxe pódense presentar de xeito telemático na sede un total de 229 procedementos, preto do 16% do total de trámites dispoñibles. Esta porcentaxe irase incrementando co obxectivo de que a finais de 2012 o 95% dos novos procedementos se poidan presentar de xeito electrónico. Antes do inicio do Plan de Modernización só o 4% dos procedementos que se podían presentar de xeito telematico.

A sede electrónica, que se converterá no punto de acceso único a toda a Administración en internet, ofrecerá de xeito progresivo a mesma información e os mesmos servizos que teñen agora á súa disposición as cidadás e os cidadáns en calquera das ventanillas das consellerías.

Outro dos avances nesta liña foi a implantación, a principios de 2011, do portal de interoperabilidade en todas as consellerías, que permite eliminar a petición de documentación básica como o DNI, o certificado de empadroamento e o de titularidade de conta bancaria. En 2011 esta ferramenta evitou a presentación do DNI en máis de 21.000 trámites de cidadáns e empresas así como o certificado de empadronamento a máis de 1.600 persoas.

Complementando esta medida o pasado mes de xaneiro entrou en vigor un procedemento de medición de cargas administrativas que garanta a redución dos custos e a simplificación da documentación esixible a cidadáns empresas nos procedementos teñen á súa disposición. O sistema REDUCE estima que a presentación telemática de solicitudes para o procedemento administrativo ofrecerá ao solicitante un aforro de 75 euros, fronte a súa versión presencial.

DOG dixital
Desde maio de 2011 o DOG electrónico é unha realidade no enderezo http://dog.xunta.es, garantindo a mesma validez xurídica que a versión en papel. A substitución da versión impresa posibilitou un aforro de 660.000 en 8 meses ao eliminar o uso do papel xunto coa redución do impacto ambiental. Desde a creación do DOG dixital publicáronse preto de 8.800 anuncios que suporían máis de 67.000 páxinas impresas.

Outras vantaxes da edición online é unha lectura é máis fácil ao estar estruturado dun xeito máis sinxelo así como a universalización do servizo, facilitando a consulta gratuíta e o libre acceso a toda a cidadanía que o pode consultar as 24 horas os 365 días do ano.

Acreditación e sinatura dixital das e dos empregados públicos
Para avanzar cara a eAdministración é fundamental dotar ás e aos empregados públicos das ferramentas adecuadas para adaptar o seu traballo ás necesidades do novo escenario dixital. Este é un dos obxectivos do Proxecto Kronos de implantación da nova tarxeta intelixente que inclúe o certificado de empregado público, permite asinar dixitalmente os documentos dos procedementos telemáticos, regula o control horario e abre a porta a futura regulación da flexibilidade horaria e ao teletraballo.

Actualmente estase a desenvolver a primeira fase do proxecto que prevé que un total de 3.000 empregadas e empregados públicos da Administración autonómica e da Xustiza en Galicia dispoñan nos primeiro trimestre de 2012 da nova tarxeta. A día de hoxe son preto de 1.400 as e os profesionais públicos acreditados dixitalmente.

En liña con anterior e dentro da política cero papel púxose en marcha o portasinaturas dixital, unha aplicación que no último ano permitiu asinar electrónicamente 43.000 documentos administrativos (convenios, pregos de contratación, memorias de facturas, circulares, instrucións, oficios, actas..). Este sistema permite aforrar tempo e desprazamentos e aporta máis seguridade xa que garante a identidade da ou do asinante e o momento da sinatura.

Mellora na accesiblidade
Dentro das medidas de mellora da accesibilidade para a cidadanía habilitouse un sistema de videointerpretación de signos que lle garantes ás persoas xordas o acceso, en igualdade de condicións a mesma información que ofrece o servizo 012. A videointrepretación está dispoñible a través do portal corporativo e de xeito presencial no Rexistro Xeral da Xunta, e nas delegacións de Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Tamén nas oficinas de rexistro de Vigo e Lugo se incorporou un sistema que permite organizar as quendas dos usuarios minimizando as colas e optimizando os recursos de atención ao público dispoñibles. Este ano continuarase implantando este sistema de quendas no resto das cidades.

Impulso da web e das redes sociais
Un elemento clave en todo o proceso de modernización da Administración autonómica é presenza na rede e por iso o Goberno galego aprobou o pasado mes de outubro o Decreto que regula a presenza da Administración Xeral do Sector Público en Internet co obxectivo de conseguir unha administración máis transparente, participativa e colaborativa.

O decreto impulsa o uso das redes sociais como canle de diálogo, participación consulta e opinión. A Administración autonómica incrementou progresivamente a súa presenza nestas canles e actualmente conta con 101 canles en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo. O portal corporativo www.xunta.es conta con máis de 8.000 seguidoras e seguidores en Facebook e Twitter e con case 145.000 no total de canles que o conxunto das consellerías teñen nestas redes.

O portal da Xunta de Galicia, que en 2011 recibiu máis de 12 millóns de visitas de 114 países, é o terceiro máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública. En menos dun ano, entre xuño do 2010 e outubro de 2011, a web subiu dez postos nesta clasificación. O portal reestruturouse en 2010 deixando atrás o concepto de web institucional para converterse nun espazo de información e servizos máis orientado á cidadanía.

909 lecturas