A Xunta pon en marcha o portal Abert@s para facilitar á cidadanía e empresas a reutilización da información do sector público

Desde hoxe está dispoñible en http://abertos.xunta.es un catálogo inicial de información con 250 documentos en formatos abertos.

Son datos de carácter xeográfico, estatístico, meteorolóxico, turístico, social ou económico entre outros, xerados pola propia Administración, e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros.

Con esta medida proporcionarase materia prima para o sector de contidos dixitais e ábrense novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear aplicacións e prestacións en base a esta información.

A Xunta, súmase así as iniciativas de Open Data desenvolvidas a nivel nacional e internacional proporcionando o acceso a esta información de xeito libre.

Listen to this page using ReadSpeaker
24 de setembro de 2011.

Abert@sA Xunta de Galicia dá un paso máis no cumprimento do principio de transparencia informativa coa posta en marcha do portal Abert@s, o espazo onde, desde hoxe, se publicará información de interese público da Administración galega e dos seus organismos en formatos abertos e estándar, para a súa reutilización por parte da cidadanía e empresas.

Son datos xerados pola propia administración e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade pero que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros ou ben dispersos. O portal Abert@s, é a plataforma de acceso a este catálogo de información pública en formato dixital, debidamente actualizado e de acceso libre. Os documentos están dispoñibles en formatos estándar, abertos e interoperables, en liña coa promoción difusión e fomento da utilización de tecnoloxías baseadas en software libre e de fontes abertas que está a impulsar a Xunta a través do Plan Floss.

Así o explicou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, nunha rolda de prensa na que interviñeron o director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo Andión, e o director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, dúas das entidades da Administración que xeran un importante volume de datos de interese para a cidadanía.

Materia prima para novas aplicacións e servizos
Esta iniciativa de Open Data supón elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores e emprendedoras que poden crear novas aplicacións e prestacións en base a esta información.

Ademais, esta información é especialmente relevante para o sector infomediario, isto é, para a industria de contidos dixitais que atopará materia prima para crear novos produtos e servizos e aplicacións de valor engadido. A reutilización da información pública en España por parte deste sector xera un volume de negocio anual de entre 550 e 650 millóns de euros e emprega directamente preto de 5.500 traballadores e traballadoras, segundo o recente "Estudo de Caracterización do Sector Infomediario", realizado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información ONTSI en 2011.

Ademais, aos axentes económicos e sociais poderán ter unha maior axilidade na toma de decisións ao dispoñer de forma fácil e asequible información administrativa, financeira, xurídica.

Aos cidadáns e ás cidadás o Open Data ofrécelles a posibilidade de mellorar a súa información e coñecemento sobre as actividades das institucións públicas, e tamén se beneficiarán dos servizos que as empresas cren en base a reutilización desta información.

Entre as posibles aplicacións que as empresas e a cidadanía lle poden dar esta información están mapas de incidencias nas estradas, buscadores de oferta formativa, aplicacións para coñecer o estado das mareas, buscadores de farmacias de garda, transporte público en tempo real, mapas turísticos, mapas de equipamentos públicos...etc

Catálogo inicial con 250 documentos
As primeiras informacións xa dispoñibles no portal Abert@s conforman un catálogo de 250 documentos de diferentes áreas de información. Por unha banda, datos de interese social e negocios e comercios que aglutinan información de carácter económico (axudas, indicadores socio-económicos; turismo (listado de aloxamentos, restaurantes, oficinas de turismo…); emprego (ofertas de emprego público, formación ocupacional, por sectores, sobre desemprego..) ciencia e tecnoloxía, deporte, sanidade, rexistro de negocios e comercios, seguridade, educación e cultura.

Por outra banda, datos do eido da Administración pública como directorios (de equipamentos, organigrama, administracións locais) e contratación pública. Unha terceira área de información sería a do eido da xeografía e o medio ambiente con datos sobre a produción enerxética en Galicia, indicadores ambientais, a calidade da auga nas praias, a pesca ou a climatoloxía.

Impulso da presenza na Rede
Esta iniciativa forma parte do proceso de Modernización da Administración pública e está recollida no Decreto que regula a presenza da Administración pública en Internet, aprobado en outubro de 2011 e o segundo destas características a nivel estatal. O obxectivo é avanzar cara o Goberno aberto, aquel que promove a transparencia informativa, unha participación efectiva a través das canles sociais e que pon a disposición da sociedade, de maneira libre, os datos que se xeran no ámbito da Administración pública.

Neste sentido, durante 2011, desenvolvéronse diferentes liñas de traballo como a publicación da sede electrónica, a creación do catálogo de portais, a guía de políticas corporativas e o impulso da presenza nas redes sociais.

899 lecturas