A Secretaría Xeral da Emigración trae a Galicia a 135 emigrantes galegos no marco dos programas ‘Reencontros na terra’ e ‘Vén a Galicia, ben en Galicia’.

Os 58 participantes da segunda quenda de ‘Reencontros na Terra’ proceden de Arxentina.

77 emigrantes galegos residentes en Andalucía, Cataluña, Canarias, Castela León, Euskadi e Francia acolléronse á convocatoria ‘Ven a Galicia, ben en Galicia’.

Ambos grupos coincidirán na residencia de tempo libre de Panxón, onde realizarán actividades lúdicas e culturais.

Listen to this page using ReadSpeaker
15 de novembro de 2010.

135 emigrantes galegos chegarán este luns a Galicia dentro dos programas da Secretaría Xeral da Emigración "Reencontros na Terra" e "Vén a Galicia, ben en Galicia". Os participantes en ambas as dúas convocatorias, unha para emigrantes residentes en Iberoamérica, e outra para os que viven noutras comunidades autónomas e no resto de Europa, coincidirán na residencia de tempo libre de Panxón, en Pontevedra, durante as vindeiras dúas semanas.

58 emigrantes de máis de 60 anos todos residentes en Arxentina chegarán ao aeroporto de Lavacolla no marco do programa "Reencontros na Terra". Os participantes neste programa, que levan como mínimo 15 anos sen desfrutar dalgunha das convocatorias de viaxes da Secretaría Xeral, chegarán acompañados dun médico. Trátase dun grupo composto por 35 emigrantes galegos e 23 cónxuxes, que naceron en 30 concellos galegos das catro provincias galegas: A Coruña (máis da metade), Lugo, Ourense e Pontevedra.

Trátase da segunda quenda da edición deste ano desta iniciativa, que trouxo ao primeiro grupo o pasado 25 de outubro. Os participantes pasarán as dúas primeiras semanas da súa estadía na residencia de Panxón.

En canto ao programa Ven a Galicia, ben en Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración trae á Comunidade a 77 emigrantes galegos procedentes de Andalucía (4 persoas), Canarias (3), Castela León (4), Cataluña (17), Euskadi (46), e Francia (3). Destas 77 persoas 41 naceron en Galicia e as restantes 36 son cónxuxes de emigrantes galegos. Os participantes neste programa proceden das catro provincias galegas aínda que os nacidos en Lugo e A Coruña supoñen case o 80% dos participantes.

Os participantes de "Reencontros na Terra" e de "Ven a Galicia, ben a Galicia" realizarán actividades de carácter lúdico e cultural e farán distintas visitas pola xeografía galega, entre elas unha a Santiago de Compostela.

1859 lecturas