Miranda recibe ás e aos participantes do programa “Reencontros na terra” que este ano trae de volta a Galicia a 130 maiores residentes en América

O secretario xeral da Emigración subliña que a deste ano é a 30ª edición dun programa que ten permitido traer de volta a Galicia a miles de maiores que son “o noso maior tesouro porque son a nosa memoria e a nosa sabedoría” .

As e os emigrantes, nacidos en Galicia, gozarán de 15 días de actividades variadas nunha residencia da Xunta en Panxón e da posibilidade de pasar ata un mes máis coas súa familias na comunidade autónoma.

Das beneficiarias e beneficiarios deste ano, 71 proceden da Arxentina, 28 de Uruguai, 23 de Venezuela, 7 do Brasil e un de Cuba.

  • Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
    Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
  • Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
    Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
  • Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
    Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
  • Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
    Imaxe desta mañá no aeroporto vigués de Peinador
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá no aeroporto de Peinador a quenda máis numerosa de participantes no programa “Reencontros na Terra”, desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social, e que este ano permite traer de volta a Galicia a 130 maiores residentes en América. En concreto, dos beneficiarios e beneficiarias deste ano, 71 proceden da Arxentina, 28 de Uruguai, 23 de Venezuela, 7 do Brasil e un de Cuba. 

Neste marco, Miranda puxo en valor a importancia dunha iniciativa que, ao igual que a de Reencontros na Casa e o programa Conecta con Galicia, celebra este ano o seu 30 aniversario. “Durante tres décadas, os Reencontros téñennos permitido traer de volta a casa a miles de maiores, que son o noso maior tesouro porque son a nosa memoria e a nosa sabedoría”, salientou.

Entre as pasaxeiras e pasaxeiros do voo atópanse algúns galegos e galegas que non regresaran a Galicia, onde foron nados a mediados do século pasado, desde hai máis de seis décadas. Nalgúns casos, as e os emigrantes saíron con pouco máis dun ano de idade e noutros, con algúns máis. “É un orgullo poder ser testemuña directa do reencontro destes galegos coa súa terra de orixe, a que os viu nacer e partir, na maioría dos casos sendo apenas nenos, e que hoxe lles dá a benvida cos brazos abertos e o corazón un pouco encollido de emoción”, recoñeceu Miranda.  

Nacidas e nacidos en Galicia e residentes en América
O obxectivo do programa “Reencontros na Terra” é permitir ás e aos participantes redescubrir, non só as súas raíces, tanto de tipo cultural e social como familiar, senón ademais poñerse en contacto coa realidade do seu país de orixe mediante actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes. Aínda que todas e todos os participantes deben ter 65 ou máis anos de idade, a idade media supera amplamente esta cifra.

O programa desenvólvese ao longo de ata 45 días, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na residencia da Consellería de Política Social en Panxón, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás e aos participantes, e con excursións a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia. Entre os destinos das visitas planeadas inclúense Ourense, Ribadavia, Vigo, Baiona, A Guarda e Santiago de Compostela, onde realizarán un percorrido pola zona monumental. 

A segunda fase consiste nunha estadía coas e cos seus familiares de Galicia ata un máximo de 45 días. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas e moitos dos beneficiarios e beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

A celebración o pasado mes de xullo de “Reencontros na Casa”, que ofreceu a oportunidade a 136 maiores galegas e galegos de achegarse a Galicia para pasar ata mes e medio coas súas familias, eleva o número total de persoas beneficiarias destes programas a máis de 260 galegas e galegos maiores residentes no exterior só en 2019.

321 lecturas