A Secretaría Xeral da Emigración presenta á Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas a proposta para o Plan Estratéxico 2017-2020

O seu máximo responsable, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurará o martes a reunión do órgano permanente da emigración. 

Durante dous días, do 12 ao 13 de decembro, representantes de catorce entidades galegas do exterior coñecerán de primeira man os plans da Xunta para as e os residentes fóra do territorio galego.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, será o encargado de dar a benvida, o martes ás 10 horas, ás e aos participantes na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, que preside o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e que se reunirá durante os días 12 e 13 de decembro na Casa dos Poetas de Celanova para facer balance das actuacións levadas a cabo durante 2017 e presentar os orzamentos previstos para 2018. As e os representantes das dezáseis entidades galegas que forman parte deste órgano permanente do Consello de Comunidades Galegas terán a oportunidade, ademais, de coñecer os pormenores da proposta do Plan Estratéxico da Emigración 2017-2020 por parte dos responsables da Secretaría Xeral da Emigración.

As xornadas xirarán en torno a cinco relatorios que tratará os temas incluídos na orde do día da Comisión Delegada, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de novembro, e que se centran na exposición das liñas de actuación da Secretaría Xeral da Emigración no ano 2017; o borrador do Plan integral da emigración 2017-2020; as iniciativas deseñadas de cara ao 2018; e un informe das atribucións que o Decreto 111/2015, de 6 de agosto, lle atribúe á Comisión Delegada. Na súa exposición participarán os responsables do departamento autonómico para cada unha das áreas.  

Agradecemento ás entidades
O martes abordaranse tanto o balance de 2017 como as previsións para 2018, así como o informe sobre as atribucións do órgano permanente do Consello de Comunidades Galegas, mentres ao longo do mércores presentaranse os diferentes aspectos que abarca o Plan Extratéxico para o horizonte do 2017 ao 2020. 

Forman parte da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas catorce integrantes en representación de cadansúa entidade, auténtica depositaria da representación. Destes e destas catorce membros, doce son electos (catro en representación da diáspora en España, catro da de Europa, e catro da de América) e dous natos.

Tralo plenario do Consello celebrado en maio de 2016 en La Habana (Cuba), representan á demarcación española o Centro Gallego de Salamanca, a Unión de Sociedades Galegas de Cataluña (UAGALCAT), o Lar Gallego de Sevilla e a Agrupación Hijos de Galicia en Sestao. A europea estará integrada polo Centro Cultural Gallego de Cuxhaven de Alemaña, a Asociación Cultural “As Xeitosiñas” de Zürich de Suiza, o Centro Galego de Londres e a Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa.

Pola parte da diáspora en América, represéntaa a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de Cuba, a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires, a Unidad Gallega de los Estados Unidos de Nova York e o Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo. Son membros natos da Comisión a Casa Galicia de Montevideo e a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas. 

1022 lecturas