Plan Estratéxico de Emigración

Plan Estratéxico de Emigración

2017-2020

Desenvolverá unha estratexia transversal que favoreza o benestar dos galegos e as galegas residentes no exterior, o fomento da lingua e cultura galega, a proxección exterior de Galicia, así como fomentará o retorno e a integración en Galicia.

Plan Estratéxico de Emigración

Queridos amigos e amigas:

Acorde ao seu papel institucional de dinamizador das relacións entre as galegas e os galegos do exterior e a sociedade galega no seu conxunto -e a Administración en particular-, a Secretaría Xeral da Emigración está a conformar un novo Plan Estratéxico, para o que quere abrir as súas portas á participación activa de persoas e entidades de toda a sociedade galega, e moi especialmente daquelas relacionadas co seu ámbito de actuación.

Desexamos que ese Plan, emanado en esencia da propia sociedade, dea resposta aos novos retos da Galeguidade no século XXI. Entre estes, o pulo ao papel da mocidade galega residente fóra (7 de cada 10 cidadás e cidadáns galegos que habitan no estranxeiro naceron xa na diáspora, boa parte delas de reducida idade, o que pode supoñer unha importante vantaxe demográfica), o forte crecemento do retorno, unha crecente relevancia da muller na sociedade en xeral e na galega en particular, a necesidade de transformación das comunidades galegas para atender ás novas demandas da súa masa societaria, ou as novas formas de proxección cultural e económica para potenciar a imaxe de Galicia no Exterior, entre moitos outros retos aos que nos enfrontamos.

É desexo deste departamento que a interacción coa sociedade real sexa fío condutor da actuación nesta materia, e especialmente no que atinxe á redacción do Plan estratéxico. É por iso que nos diriximos a Vde., como persoa que consideramos pode enviar importantes contribucións para a mellora do documento, para solicitar do seu tempo, experiencia, e bagaxes persoais, unha achega que, sen dúbida, axudará a facer o Plan máis forte, máis sólido, máis realista. Con máis solvencia.

Na completa seguridade de que a Galeguidade do futuro será aínda máis forte e vigorosa, a Secretaría Xeral da Emigración agradece fondamente as achegas que poidan realizar as persoas e entidades ás que se pide colaboración, pero sobre todo testemuña a profunda admiración por todas aquelas persoas que fornecen a diario ese sentimento común de Galeguidade.

Galicia recoñécevolo, e agradécevolo.

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario Xeral da Emigración
Xunta de Galicia