A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas reunirase en Celanova o vindeiro mes de decembro por vez primeira desde a súa renovación
O órgano foi renovado no último pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado en maio de 2016 en La Habana, Cuba.

Os vindeiros 12 e 13 de decembro terá lugar en Celanova a xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación e reflexión entre plenarios do Consello.
Entre os asuntos que se contemplan na orde do día da reunión sinálanse a exposición das liñas de actuación da Secretaría Xeral da Emigración no ano 2017; a presentación do borrador do Plan integral da emigración 2017-2020; a presentación das liñas de actuación en materia de emigración para o 2018; e un informe das atribucións que o Decreto 111/2015, de 6 de agosto, lle atribúe á Comisión Delegada.
Composición da Comisión
Forman parte da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas catorce integrantes en representación de cadansúa entidade, auténtica depositaria da representación. Destes e destas 14 membros, doce son electos (catro en representación da diáspora en España, catro da de Europa, e catro da de América) e dous natos.
Tralo plenario do Consello celebrado en maio de 2016 en La Habana (Cuba), representan á demarcación española o Centro Gallego de Salamanca, a Unión de Sociedades Galegas de Cataluña (UAGALCAT), o Lar Gallego de Sevilla e a Agrupación Hijos de Galicia en Sestao. A europea estará integrada polo Centro Cultural Gallego de Cuxhaven de Alemaña, a Asociación Cultural “As Xeitosiñas” de Zürich de Suiza, o Centro Gallego de Londres e a Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa.
Pola parte da diáspora en América, represéntaa a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de Cuba, a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires, a Unidad Gallega de los Estados Unidos de Nova Yorke e o Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo. Son membros natos da Comisión a Casa Galicia de Montevideo e a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.
Novas relacionadas