A Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas manterá unha reunión extraordinaria en Compostela co gallo da imposición da Medalla do Parlamento de Galicia á emigración

A xuntanza terá lugar na sede da Cámara galega os días 5 e 6 de abril.

A Secretaría Xeral da Emigración felicita a todos os galegos do exterior polo merecido recoñecemento.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta reunión extraordinaria
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta reunión extraordinaria
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2019.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da reunión extraordinaria que a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas manterá os vindeiros días 5 e 6 de abril na capital galega. A celebración desta xuntanza, que atende ás peticións das e dos integrantes desta institución, o órgano permanente de representación de todos os galegos e galegas no exterior, coincide coa da entrega da Medalla do Parlamento de Galicia á emigración galega.

A Secretaría Xeral da Emigración xa transmitiu persoalmente os seus parabéns ás e aos catorce integrantes da Comisión Delegada en representación das e dos emigrantes galegos, felicitacións que quere facer extensivas a todas e todos e cada un dos galegos que residen no exterior. “O esforzo que fan cada día as galegas e os galegos que viven fóra das nosas fronteiras por manter vivo o espírito e a cultura galegas, a lingua, o amor pola súa terra e a proxección internacional que lle dan a Galicia fannos merecedores dun recoñecemento con tanto simbolismo como é a Medalla do Parlamento de Galicia, unha institución tan vital para a comunidade como a propia emigración”, sinalou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. 

O Parlamento galego sinala no seu acordo de concesión que “resulta de xustiza que a distinción  institucional que cada ano concede o Parlamento de Galicia recoñeza a grande epopea migratoria do pobo galego, que tivo como protagonistas a centos de milleiros de homes, mulleres e nenos que atravesaron medio mundo na procura dun futuro mellor, buscaron a integración social nun entorno moitas veces hostil e sempre descoñecido,  e traballaron sen desmaio mantendo sempre viva a memoria da súa Galicia natal, que cultivan e transmiten con mimo de xeración en xeración”. “A historia contemporánea de Galicia –prosegue o documento- non se entende sen a emigración, que deixou pegadas en practicamente todos os ámbitos: na economía, nas artes plásticas e nas letras, na educación ou en tantos outros”.

Catorce representantes procedentes de todo o mundo 
Forman parte da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas catorce integrantes en representación de cadansúa entidade, auténtica depositaria da representación. Destes e destas catorce membros, doce son electos (catro en representación da diáspora en España, catro da de Europa, e catro da de América) e dous natos. Tralo plenario do Consello celebrado en maio de 2016 na Habana (Cuba), representan á demarcación española o Centro Gallego de Salamanca, a Unión de Sociedades Galegas de Cataluña (UAGALCAT), o Lar Gallego de Sevilla e a Agrupación Hijos de Galicia en Sestao. A europea estará integrada polo Centro Cultural Gallego de Cuxhaven de Alemaña, a Asociación Cultural “As Xeitosiñas” de Zürich de Suíza, o Centro Galego de Londres e a Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa.

Pola parte da diáspora en América, represéntaa a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de Cuba, a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires, a Unidad Gallega de los Estados Unidos de Nova York e o Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo. Son membros natos da Comisión a Casa Galicia de Montevideo e a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

157 lecturas