A Xunta convoca a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para o próximo 21 de decembro

A convocatoria da reunión, que será telemática, foi publicada no DOG do 26 de novembro de 2020.

Imaxe de arquivo da anterior reunión telemática da Comisión Delegada do CCG
Imaxe de arquivo da anterior reunión telemática da Comisión Delegada do CCG
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración informa da publicación no DOG do 26 de novembro da convocatoria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que se celebrará de xeito telemático o próximo 21 de decembro. 

O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade, que se renovou o pasado mes de decembro, está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos e galegas de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan ás e aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas. 

A Comisión, que se reúne con carácter ordinario unha vez ao ano, está presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como presidente do Consello de Comunidades Galegas, e o vicepresidente é o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. Durante a reunión analizarase o desenvolvemento deste singular ano 2020 e os traballos preparativos para o próximo 2021.

723 lecturas