A Secretaría Xeral da Emigración comeza a distribución gratuíta de libros en centros galegos.
A iniciativa busca incentivar e difundir a cultura galega a través da lectura.
A Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, está a apoiar ás comunidades galegas a través da promoción da cultura co envío de varios lotes de libros ás diferentes bibliotecas dos centros galegos sitos en España, Europa e América.
Esta semana estase procedendo ao envío dos lotes a localidades de Arxentina, Brasil, Cuba, Estados Unidos, México, Uruguai e Venezuela, e tamén Alemaña, Portugal, Suíza e España.
Para o envío dos mesmos cóntase coa colaboración de Iberia, DHL e Mudanzas Miguel.
O obxectivo desta colaboración é a realización de actividades encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura galega, achegando deste xeito o máis posible o patrimonio cultural galego aos centros galegos no exterior. Este é o propósito do convenio asinado no pasado mes de xuño en Santiago entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Caixa Galicia, e que fará posible que a cultura galega chegue a través da lectura ao conxunto dos galegos e os seus descendentes que residen fóra da nosa Comunidade Autónoma.
Entre as publicacións que se envían, e que foron doadas pola Fundación Caixa Galicia, atopamos obras en galego e en castelán entre as que cabe destacar a colección “clásicos universais” de Caixa Galicia, diversas obras da Biblioteca Carlos Casares, publicacións que obtiveron o Premio Literario Ánxel Fole, e obras de novas promesas como é a publicación “Ás de bolboreta” de Rosa Aneiros, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009.
Novas relacionadas