O cine galego volve aos centros galegos do exterior da man do Ciclo Mestre Mateo grazas a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual

Oito centros galegos de América, Europa e resto de España poderán visualizar dende abril a novembro os mellores documentais e películas dos premios do cine galego do mesmo nome. 

O estudio de televisión do I.E.S. Audiovisual de Vigo acolleu  a rolda de prensa na que estiveron presentes os centros que representan aos galegos e galegas do exterior en Cuba, México, Portugal, Estados Unidos, Suíza, así como As Palmas de Gran Canaria, Salamanca e Vitoria. 

  • Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
    Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
  • Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
    Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
  • Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
    Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
  • Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
    Imaxe da presentación este mediodía, no I.E.S. Audiovisual de Vigo, do Ciclo de cine Mestre Mateo 2023
Presentación do Ciclo de cine galego Mestre Mateo 2023
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 30 de marzo de 2023.

O secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou, xunto ao presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, o programa do Ciclo de cine Mestre Mateo que poderán desfrutar os galegos e galegas do exterior a través da colaboración con oito centros de América, Europa e resto de España. O acto de presentación tivo lugar no I.E.S. Audiovisual de Vigo, representado polo seu director, Miguel Anxo Fernández.

Esta iniciativa xorde do acordo entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual que permitirá achegar o cine feito en Galicia, e en concreto os finalistas dos Premios Mestre Mateo, ás e aos galegos do exterior a través destas entidades, entre os meses de abril e novembro.

O secretario xeral da Emigración agradeceu o interese da Academia por “colaborar, un ano máis, con nós para achegar o audiovisual que se realiza en Galicia ás nosas colectividades do exterior e tamén os veciños das localidades seleccionadas, que poden así gozar da cultura feita na nosa terra para os nosos galegos”. Miranda destacou o éxito do ciclo do ano pasado que percorreu centros de Arxentina, Uruguai, Venezuela, Gran Bretaña, España e Alemaña. 

No caso do presente ano, os centros que colaborarán neste ciclo serán o Centro Galego de Álava, a Federación de Sociedades Gallegas de Cuba, a Casa de Galicia en Las Palmas de Gran Canaria, o Centro Galego de Lisboa, o Centro Gallego de México, o Centro Gallego de Salamanca, a Sociedade Galega Sementeira de Suíza e o Centro Español La Nacional de Manhattan.

Tal e como explicou, pola súa banda, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, o programa conta cunha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longometraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo. O resto de títulos que conforman o ciclo son o documental A foreign song; o thriller Código Emperador; a longametraxe Live is life; o documental No somos nada; o filme de animación Valentina e o documental Onde máis doe.  

O secretario xeral da Emigración agradeceu a implicación do I.E.S. Audiovisual de Vigo na organización da presentación do ciclo, tanto ao profesorado como ao alumnado,“xa que vén demostrar que a nosa Formación Profesional é unha ferramenta perfecta para xerar grandes técnicos e atopar emprego de calidade en Galicia”, expoñendo así unha das principais opcións de formación coas que contan os galegos e galegas do exterior de cara ao seu posible retorno.

406 lecturas