A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo de inscrición para o programa “Reencontros na Casa”, que este ano ofrece 190 prazas

O programa permitirá a cidadás e cidadáns galegos residentes en América con poucos recursos económicos achegarse á súa terra e ás súas familias.

As axudas empregaranse en costear parte da viaxe en avión das preto de 200 persoas beneficiarias.

A iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego por manter o investimento en políticas sociais que beneficien directamente á cidadanía.

Antonio Rodríguez Miranda, con participantes da edición de "Reencontros da Casa" de 2016
Antonio Rodríguez Miranda, con participantes da edición de "Reencontros da Casa" de 2016
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 16 de marzo de 2018.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar esta semana a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se regula e convoca o programa ‘Reencontros na Casa’, que pechará o seu prazo de inscrición o vindeiro 11 de abril. Esta iniciativa ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra e á súa familia, aos galegos e galegas residentes nos diferentes países de Latinoamérica con menos recursos económicos. A través deste programa facilítase que estas e estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algunhas e algúns deles, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento desde que iniciaran a súa andaina alén o Atlántico.

O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60 por cento do custo da pasaxe, entre os seus países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Venezuela e Cuba. Nestes dous países, a axuda poderá incrementarse por mor da situación económica e as dificultades para acceder ás divisas necesarias.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar esta parte importante do billete, é o de velar pola súa saúde no traslado e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios e beneficiarias da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos 45 días.

Aposta polo social
As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores. Trátase dunha aposta do Goberno galego por manter as liñas de actuación social que benefician directamente ao cidadán, de maneira que as políticas socio asistenciais se manteñan mesmo en tempos de crise económica.

Para se beneficiar do programa, a persoa solicitante deberá acreditar ser emigrante galega ou filla de emigrante galega, residir en Latinoamérica, ter máis de 65 anos, ser válida por si mesma, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral da Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse as e os cónxuxes das e dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Asignación por países
A convocatoria deste ano reserva 80 das 190 prazas a residentes na Arxentina, 38 ás e aos de Venezuela, 32 ás e aos do Uruguai, 18 ás e aos de Brasil, 12 ás e aos de Cuba e 10 ás e aos de outros países. Esta asignación lévase a cabo en función do número de persoas gale­gas residentes en cada país e das necesidades e demandas constatadas nas últimas convocatorias deste programa. Este reparto podería variar en función de razóns económicas ou para completar as prazas que quedaran vacantes en algún país.

1694 lecturas