Aumentan un 3% as prazas do programa “Reencontros na Casa”, da Secretaría Xeral da Emigración

A iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego por manter e incrementar o investimento en políticas sociais que benefician directamente á cidadanía.

A convocatoria no DOG adiántase respecto ao pasado ano e o prazo de solicitude remata o 23 de marzo, de maneira que as persoas beneficiarias poidan organizar con tempo os seus desprazamentos á, e na, Galicia territorial.

  • Foto de arquivo da chegada a Lavacolla das e dos participantes na edición de 2014
    Foto de arquivo da chegada a Lavacolla das e dos participantes na edición de 2014
  • Foto de arquivo da chegada a Lavacolla das e dos participantes na edición de 2014
    Foto de arquivo da chegada a Lavacolla das e dos participantes na edición de 2014
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e convoca o programa ‘Reencontros na Casa’ para residentes no exterior, durante o ano 2015. Esta iniciativa ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra, e a súa familia, aos galegos e galegas residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través deste programa facilítase que estas e estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algunhas e algúns deles, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa nova vida noutros países.

O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60 por cento do custo da pasaxe, entre os seus países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de “países nos que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que debe aboar a persoa beneficiaria, debido a dificultades na política de cambio”. Nestes casos, a Administración galega poderá sufragar ata o 100 % do custo da pasaxe.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar a parte correspondente da pasaxe, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe das e dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

Aposta polo social
As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores, pero si o número de prazas, que aumenta un 3% ata acadar as 200. Trátase dunha nova aposta do Goberno galego por manter, e incrementar no posible, as liñas de actuación social que benefician directamente á cidadanía, de maneira que as políticas socio asistenciais se manteñan mesmo en tempos de dificultade económica para a Administración.

Para se beneficiar do programa, a persoa solicitante debe acreditar ter nacionalidade española e ser unha persoa emigrante galega ou filla de emigrante galega, residir en Iberoamérica, ter polo menos 65 anos, ser válida por si mesma, e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral da Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos e coas que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse as e os cónxuxes das e dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Perfil das persoas participantes
Aínda que as e os participantes deben ter polo menos 65 anos, cómpre subliñar que a media de idade do continxente supera sempre con creces esta cifra; así, no pasado ano 2014 a media foi de 75 anos. O 58 por cento delas e deles participaba por vez primeira na iniciativa, e algunha e algún deles non volvera a Galicia desde que decidiran poñer rumbo ao seu novo fogar en Iberoamérica. Unha das persoas beneficiarias, unha galega residente na Arxentina, contaba 95 anos de idade.

1199 lecturas