Convocada a edición de 2014 do programa “Reencontros na Casa”, dotada con 194 prazas

A iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego por manter o investimento en políticas sociais que beneficien directamente á cidadanía.

  • Imaxe de arquivo da chegada das e dos participantes na edición de 2013 ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
    Imaxe de arquivo da chegada das e dos participantes na edición de 2013 ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
  • Imaxe de arquivo da chegada das e dos participantes na edición de 2013 ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
    Imaxe de arquivo da chegada das e dos participantes na edición de 2013 ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar esta semana a resolución da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e convoca o programa ‘Reencontros na Casa’ para residentes no exterior, durante o ano 2014. Esta iniciativa ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra, e a súa familia, aos galegos e galegas residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través deste programa facilítase que estas e estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algúns deles e delas, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa andaina alén o Atlántico.

O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60 por cento do custo da pasaxe, entre os seus países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Venezuela e Cuba. Nestes dous países, a axuda poderá incrementarse por mor da situación económica e as dificultades para acceder ás divisas necesarias.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar esta parte importante do billete, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe das e dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

Aposta polo social
As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores, como non o fai o orzamento destinado por Emigración para o seu desenvolvemento. Trátase dunha nova aposta do Goberno galego por manter as liñas de actuación social que benefician directamente á cidadanía, de maneira que as políticas socio asistenciais se manteñan mesmo en tempos de crise económica.

Para se beneficiar do programa, a persoa solicitante debeu acreditar ser emigrante galega ou fillo ou filla de emigrante galego ou galega, residir en Latinoamérica, ter máis de 65 anos, ser válido por si mesma, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse as e os cónxuxes dos emigrantes galegos e galegas que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Perfil das persoas participantes
Aínda que as e os participantes deben ter máis de 65 anos, cómpre subliñar que a media de idade do continxente supera sempre con creces esta cifra; así, no pasado ano 2013 a media foi de 73 anos. De entre os beneficiarios e beneficiarias de este Reencontros na Casa 2013, o 83 por cento participaba por vez primeira na iniciativa, e algún deles e delas non volvera a Galicia desde que decidiran poñer rumbo ao seu novo fogar en Latinoamérica. Un dos beneficiarios había 59 anos que non pisaba terra galega.

1417 lecturas