Santiago Camba anuncia a celebración, a mediados do mes de agosto, do día da Galicia exterior

O Secretario Xeral da Emigración fixo estas declaracións en Buenos Aires, onde desenvolveu este luns unha intensa axenda de encontros institucionais.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, anunciou este luns en Buenos Aires a celebración, a mediados do mes de agosto, do Día da Galicia Exterior.

Segundo explicou, o departamento que dirixe está a traballar para a celebración deste encontro en Santiago “facendo un grande esforzo tanto de organización como orzamentario” e engadiu, ao tempo, que están a valorar a posibilidade de crear unha “orde de axudas para os grupos e colectivos que viaxen a Galicia con ese motivo”.

Santiago Camba fixo estas declaracións á prensa no Centro Galego de Buenos Aires, onde mantivo un encontro co presidente da entidade, Julio Martínez, co que pechou unha intensa axenda de catro días de contactos institucionais en Arxentina e Chile.

Na súa comparecencia, Camba fixo un repaso das xuntanzas que mantivera e valorou a súa viaxe como “produtiva”. Neste sentido, informou que comezara a xornada de mañá cun encontro co presidente do Centro Galego de Mar del Plata, Francisco Solla, quen lle deu “detalles das actuacións que a Administración autonómica galega vén desenvolvendo con eles desde fai algún tempo” e dun “novo proxecto que queren realizar na área recreativa da entidade, especialmente orientado á xuventude e á practica de deportes para toda a familia”.

Así mesmo, comentou a súa visita ás instalacións da Asociación Xuventude de Viana, Trives e Valdeorras, clausuradas por un derrubo da maior parte do edificio. A este respecto, sinalou que “é un tema que require certa urxencia”, e asegurou que a Administración vai colaborar “para non gravar a unha sociedade que ten actualmente algo máis de cen socios”. “Axudaremos para que saian adiante e valoramos a posibilidade de que se incorporen a outra sociedade, que é unha tendencia que vimos mantendo na Administración para ir na procura dunha colectividade, se cabe, máis forte da que hai, pero froito da unión das entidades”, expuxo o Secretario Xeral. Neste contexto, salientou que “a través da Delegación xa se está a estudar a vía de colaboración con eles para asumir algúns custes da reparación”.

No repaso das súas actividades da xornada, Santiago Camba detallou o encontro que mantivera co presidente da Federación de Sociedades Galegas en Arxentina, Francisco Lores Mascato, e declarou que a Secretaría Xeral da Emigración quere “apoiar as súas actuacións, posto que son parte importante da historia de Galicia no exterior, e a historia de Galicia no exterior é parte importante da propia historia de Galicia.”

Centro Galego de Buenos Aire
Respecto da entrevista mantida co presidente do Centro Galego e co presidente de Ospaña, o responsable de Emigración do Goberno galego manifestou que “serviu para analizar como vai camiñando a nova xestión sanitaria e coñecer a situación do Centro e as súas necesidades”. Neste sentido, adiantou que “en dúas semanas” continuarán esta xuntanza “coa presenza tamén de persoas da empresa que están a xestionar a fundación Galicia Saúde”, logo de obter os resultados dunha auditoría que se está a desenvolver na actualidade.

En imaxes
1498 lecturas