Santiago Camba reafirma en Bos Aires o “compromiso da Xunta de Galicia co hospital do Centro Galego e cos seus asociados”.

Manifestou que Galicia “seguirá apoiando economicamente ao centro galego” e “presionará para implicar ao Goberno de España na axuda económica aos hospitais españois do exterior.

Avogou por “mirar cara ao futuro” e “camiñar xuntos” para saír da situación na que se atopa o centro.

Pediu “respectar as decisións dos órganos soberanos da Fundación, baseadas nun mandato legal”.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2011.

O Secretario Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, reafirmou o pasado venres en Bos Aires o “compromiso” da Administración autonómica “co Hospital do Centro Galego e cos seus asociados” e o seu patrimonio cultural. Fíxoo nunha rolda de prensa na Delegación do Goberno galego na capital arxentina, acompañado polo Delegado, Alejandro López Dobarro.

Santiago Camba explicou que a súa viaxe responde á situación na que se atopa o Hospital do Centro Galego e nas decisións “de calado” que se tomaron nos últimos días. “Neste sentido, -declarou- o motivo da visita a Bos Aires é reafirmar o compromiso do goberno de Alberto Núñez Feijóo en seguir apoiando ao Centro Galego e colaborar, na medida das nosas posibilidades, para saír da situación actual”.

O Secretario Xeral avogou por “mirar cara ao futuro”, “camiñar todos xuntos” e “trasladar aos socios e aos membros do Centro Galego unha mensaxe clara e nidia que a Xunta de Galicia vai continuar apoiando á institución”, como parte dunha política de “atención aos nosos paisanos no exterior”.

Nesta liña, pediu “respectar as decisións dos órganos soberanos da Fundación Galicia Saúde, baseadas nun mandato legal”, expoñendo que “a partir do ano 2000 pídese unha axuda extraordinaria á Administración galega e créase a Fundación Galicia Saúde, cuxo único obxecto era a xestión do Hospital do Centro Galego”. Segundo aclarou Camba, trátase dunha “fundación española, creada en Galicia, pero cuxa única actividade é a xestión do Centro Galego. Nos seus estatutos sinálase claramente que con déficit en dous exercicios consecutivos ou tres nun período de cinco anos é de obrigado cumprimento disolver a Fundación”. Engadiu que a esa situación xa se tiña chegado no ano 2006 pero non se disolveu “debido á irresponsabilidade do presidente do padroado daquel momento, o que levou a crear un déficit cada vez maior”.

Neste contexto, o Secretario Xeral informou á prensa que o pasado día 13 de xaneiro “chegouse ao acordo de extinguir, por unanimidade dos patronos, o contrato de xestión e a propia Fundación Galicia Saúde”. Camba asegurou que esta decisión tamén permite “satisfacer as demandas da nova xunta directiva do Centro Galego de recuperar a xestión do Hospital”.

Así, o titular do departamento de Emigración da Xunta remarcou que seguirán “apoiando economicamente ao centro galego” e adiantou que “vamos a seguir presionando para implicar ao Goberno de España na axuda económica aos hospitais españois no exterior, entre os que se atopa o Centro Galego”.

Nova estratexia de xestión
Santiago Camba puxo de relevo o seu convencemento en que no Centro Galego “houbo unha estratexia equivocada de crecemento, incrementando en máis dun 30% a plantilla, cando non había un crecemento parello de afiliados e a falta de control interno que se produciu entre o 2006 e o 2009”. Ademais, sinalou a aceptación de “máis de 2000 persoas, pensionistas asistenciais españois, polos que o Ministerio de Traballo español paga uns prezos moi por debaixo dos custes de mercado”, o que chega a sumar “máis dun millón e medio de déficit anual, que debería compensarse nalgún momento”.

“O hospital do Centro galego ten que pasar por un proceso para dimensionarse economicamente, mellorar a súa xestión, axustar a súa política de persoal, negociar o seu aprovisionamento, xerar metodoloxías de traballo eficientes, equilibrar as súas contas de resultados e mellorar e recuperar o número de usuarios, recuperando a capacidade competitiva no mercado da atención sanitaria”, afirmou Camba.

“Bos Aires –explicou- é unha das prazas máis rendibles para as empresas prestadoras de servizos sanitarios pero é cuestión de realmente mellorar e facer mellor as cousas. O noso compromiso como Goberno pasa pola transparencia na xestión, mellorando a comunicación entre a Administración e os Administrados, pero tamén esixiremos transparencia aos novos xestores da institución tanto cara ao Goberno galego como aos propios usuarios do Hospital do Centro Galego”, concluíu Santiago Camba.

1784 lecturas