Santiago Camba felicita ao novo presidente do Centro Galego de Buenos Aires e reforza a vontade de continuar coa colaboración institucional.

O Secretario Xeral da Emigración agradeceu ao presidente saínte, Julio Martínez, o seu traballo á fronte do centro na reunión celebrada este martes pola tarde con ambos mandatarios, tras as eleccións celebradas na institución o pasado domingo, 29 de agosto.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2010.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba Bouzas, vén de felicitar, en nome do titular do Goberno galego, ao novo presidente do Centro Galego da capital arxentina, Carlos Vello, a quen cualificou como “un home dialogante, que coñezo desde hai anos e de recoñecido prestixio”. Neste sentido, asegurou que “os acontecementos desta fin de semana”, referíndose ás eleccións no Centro Galego de Buenos Aires, son “moi importantes non só para o propio centro, canto para a democracia das institucións galegas no exterior”.

Santiago Camba reuniuse este martes en Buenos Aires cos presidentes entrante e saínte do Centro Galego, Carlos Vello e Julio Martínez, respectivamente. Este encontro celébrase logo das eleccións na institución, o pasado domingo, no que resultou elixido Vello, candidato das agrupacións “Unión Galega” e “Galicia”.

No encontro deste martes, Santiago Camba transmitiu, en nome do presidente Alberto Núñez Feijóo, o “agradecemento” a Julio Martínez polo traballo desenvolvido nos últimos anos á fronte da institución e a “felicitación” a Carlos Vello e renovou o compromiso da Xunta de Galicia de continuar colaborando co Centro Galego de Buenos Aires e traballando a prol da colectividade galega no país austral. “Como Administración queremos felicitalo e renovar o apoio da Xunta, que ten moi clara a súa aposta por este centro”, remarcou o titular de Emigración do Goberno galego.

Do mesmo xeito, Santiago Camba fixo público recoñecemento do proceder das agrupacións que concorreron á elección sinalando que é de “agradecer” o seu comportamento tanto na campaña como no mesmo día da votación.

Comunicación telefónica co presidente da Xunta
Pola súa banda, Carlos Vello, presidente electo, agradeceu o apoio recibido polo Executivo autonómico á súa futura xestión e destacou as conversas telefónicas que mantivo desde o primeiro momento tanto co delegado da Xunta en Buenos Aries, como co secretario xeral da Emigración e, onte mesmo, co propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Síntome ben, cómodo e con moita forza para saír adiante nesta situación que atravesa a institución”, concluíu Vello. Ao tempo, avanzou que na súa xestión primará os intereses do Centro Galego e dos seus asociados fronte a calquera intento de politizar esta institución.

1863 lecturas