“Os programas sociosanitarios para a emigración son prioritarios para Galicia”, segundo Santiago Camba

Camba participou no acto de sinatura do acordo de colaboración entre OSPAÑA e SIMECO, celebrado no Centro Galego da capital arxentina.

SIMECO conta con 65.000 matriculados, o que a converte no consello profesional máis numeroso de América Latina.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Secretario Xeral de Emigración da Xunta, Santiago Camba, vén de asegurar en Buenos Aires que “os programas sociosanitarios para os residentes no exterior son prioritarios para Galicia”.

Camba fixo estas declaracións no Centro Galego de Buenos Aires, no acto de sinatura do convenio de colaboración entre o Presidente da Obra social de inmigrantes españois e os seus descendentes residentes na República Arxentina (OSPAÑA), José Luis Seoane, e o presidente do Consello Profesional de Ciencias Económicas da Cidade Autónoma de Buenos Aires (SIMECO).

Este convenio permitirá a colaboración de OSPAÑA e o SIMECO, que reúne a 65.000 matriculados, o que o converte no de maiores dimensións de América Latina. Segundo manifestou Santiago Camba, o acto ao que prestou apoio este xoves “pode ser considerada unha data sinalada para ambas entidades”.

Neste sentido, engadiu que OSPAÑA está a dar “pasos importantes” e agradeceu o esforzo que están a realizar tanto os seus directivos como os do Centro Galego para mellorar a xestión e os servizos que prestan á colectividade.

Construción de Arxentina desde raíces españolas
Pola súa banda, o presidente de SIMECO manifestou a súa dobre satisfacción pola sinatura deste convenio. Por unha banda, indicou que “esta sinatura supón a plasmar un esforzo continuado”, ao tempo que asegurou que, sendo el nado nas Illas Baleares e presidente dunha institución arxentina, este acordo é parte “da construción de Arxentina dende as raíces españolas”.

Na sinatura tamén estiveron presentes o Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, o presidente do Centro Galego da capital arxentina, Julio Martínez Fernández; o Xerente xeral da Fundación Galicia Saúde, Jorge Herreros, autoridades de SIMECO, OSPAÑA e a directiva do Centro Galego.

En imaxes
2218 lecturas