O Secretario Xeral da Emigración comeza en Bos Aires unha axenda de visitas á colectividade galega no cono sur

Santiago Camba arribou este venres a Arxentina e ten previsto desprazarse mañá a Chile para estudar posibilidades de colaboración coas entidades

Hoxe reuniuse co presidente e a Comisión Directiva do Centro Galicia de Buenos Aires

Listen to this page using ReadSpeaker

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, mantivo este mediodía o primeiro dos encontros que ten marcados para a axenda que desenvolverá estes días en Arxentina e Chile.

Trala súa chegada á capital arxentina esta mañá, Camba desprazouse ata o Centro Galicia de Buenos Aires onde se reuniu co seu presidente, José María Vila Alén, e o resto da comisión directiva da entidade. Tralo encontro, en declaracións aos medios, asegurou que esta reunión “forma parte das relacións normais con Centro Galicia e coa Fundación Galicia América, cos que hai moitas cousas das que falar e pechar en cada visita a Buenos Aires”.

No entanto, destacou a súa visita a Chile como un punto salientable da súa axenda de contactos cos centros. “Iremos alí para ver en que situación están, ver as necesidades, avaliar os danos e estudar qué posibilidades de colaboración pode haber coa colonia galega”. “É a primeira vez que viaxarei alí como Secretario Xeral da Emigración”, manifestou e engadiu que “tiña pendente a súa visita, que faría un pouco máis adiante, pero decidimos ir agora para achegarnos aos Centros galegos e coñecer as súas necesidades”.

Segundo informou Santiago Camba, mantivo “contacto cos centros galegos de Chile desde o sábado pasado”. “Ao principio –expuxo- foron difíciles as comunicacións porque a telefonía non funcionaba ben, pero estivemos en contacto co Cónsul Xeral, que é galego, cos presidentes e secretarios dos Centros. Fixemos un acompañamento durante estes días e, por sorte, semella que non hai que lamentar víctimas entre os membros destes centros galegos”.

Neste sentido, resaltou que “Galicia se ten que preocupar porque ten moitos galegos residindo no exterior, sobre todo no Cono Sur. Cando suceden estas cousas preocupámonos dos nosos cidadáns, sobre todo dos máis necesitados. Neste caso, Galicia e o seu Goberno deben estar aquí. A primeira persoa que está preocupada por este tema é o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que desde fai cinco días está en contacto permanente coas autoridades chilenas para coñecer a súa situación”.

Trala súa visita a Chile, o Secretario Xeral da Emigración regresará o luns a Buenos Aires e manterá cadanseu encontro co presidente do Centro Galicia de Mar del Plata, o presidente da Federación de Sociedades Galegas e visitará o Centro Galego de Buenos Aires e a sede da Sociedade Xuventude de Viana, Trives e Valdeorras.

En imaxes
1591 lecturas