Ruso, chino mandarín e romanés son os idiomas máis demandados no servizo de teletradución das entidades de atención a mulleres e vítimas de violencia de xénero

Ofrecido sen custe pola Secretaría Xeral da Igualdade, está instalado en 61 entidades para facilitar a comunicación e o acceso das mulleres estranxeiras aos recursos dispoñibles, un factor determinante nos casos de trata de persoas e violencia de xénero.

Nos sete primeiros meses foi utilizado por 49 usuarias, maioritariamente residentes na provincia da Coruña.

Listen to this page using ReadSpeaker
13 de abril de 2012.

Xunta de Galicia.Ruso, chino mandarín e romanés son os idiomas máis demandados no servizo de teletradución instalado pola Secretaría Xeral da Igualdade nos centros de información á muller, nas casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e nas entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido. En total, son 61 as entidades que xa incorporan este sistema, ofrecido sen custo por Igualdade para mellorar a atención e o acceso das mulleres inmigrantes aos recursos dispoñibles.

Durante os sete primeiros meses de funcionamento do servizo, iniciado o pasado mes de setembro, 49 usuarias fixeron uso del. Foron maioriotariamente mulleres inmigrantes residentes na Coruña as que se comunicaron a través da teletradución, un total de 35; seguidas de residentes en Pontevedra, onde se contabilizan 7 usuarias; Ourense con 6 e Lugo cunha usuaria.

Foi demandada atención en once idiomas diferentes. Amais dos tres citados, tamén se atendeu en wolof, árabe, chino cantonés, inglés, tailandés, marroquí, portugués e francés, do total dos 51 idiomas dispoñibles no sistema. O cómputo total do tempo de conversa mantido nas diferentes linguas supera as 16 horas neste periodo. Entre outras actuacións, o sistema foi determinante nunha recente operación de desarticulación de redes de inmigración ilegal e trata de seres humanos en Galicia.

Unha comunicación eficaz
A teletradución da apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.

A través da plataforma de teletradución, Igualdade quere dar resposta ás novas características poboacionais derivadas da inmigración, asegurando que estas mulleres teñan un acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.

807 lecturas