Igualdade incorpora no CIM de Lugo un servizo de teletradución a 51 idiomas

Ofrecido sen custo pola Xunta de Galicia, mellora a atención ás mulleres e ás vítimas de violencia de xénero inmigrantes, facilitando unha comunicación verbal máis eficaz.

Listen to this page using ReadSpeaker
17 de setembro de 2012.

Xunta de Galicia.O Centro de Información á Muller de Lugo vai incorporar a partires desta semana un servizo de teledradución a 51 idiomas para mellorar a atención ás mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, ofrecido sen custo pola Secretaría Xeral da Igualdade, en virtude dun convenio de colaboración entre este departamento e o Concello de Lugo. Coa adhesión deste centro ao sistema, un total de 57 centros de información á muller prestan xa esta atención multilingüe para usuarias estranxeiras, á que aínda poden adherirse os restantes centros que ata o de agora non o fixeron.

A Secretaría Xeral da Igualdade ofrece este servizo de teletradución aos CIMs, ás casas de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONGs que asisten a mulleres vítimas de trata ou de violencia de xénero, sendo un total de 68 entidades as que incorporan en Galicia este sistema.

O obxectivo do servizo, cuxo custo asume íntegramente Igualdade, é dar resposta á diversidade poboacional derivada da inmigración e asegurar unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua.

Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero
Estas novas características poboacionais derivadas da inmigración motivaron á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua. A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.

A través da plataforma de teletradución, estas mulleres teñen a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.

Chino, árabe e romanés, os máis demandados no conxunto de Galicia
Chino mandarín, árabe e romanés son os idiomas máis demandados durante o primeiro semestre deste ano nas entidades que xa contan con este servizo de atención multilingüe, que foi utilizado nese periodo por 82 usuarias. Foron maioriotariamente mulleres inmigrantes residentes na Coruña as que se comunicaron a través da plataforma de teletradución, un total de 50; seguidas de residentes en Pontevedra, onde se contabilizan 18 usuarias; Lugo con 10 usuarias e Ourense con 4.

No conxunto de Galicia, foi demandada atención en 15 idiomas diferentes. Amais dos tres citados, tamén se atendeu entres outros, en wolof, polaco, chino cantonés, tailandés e marroquí, do total dos 51 idiomas dispoñibles no sistema. O cómputo total do tempo de conversa mantido nas diferentes linguas supera as 25 horas nos seis primeiros meses do ano.

806 lecturas