Árabe e romanés son os idiomas máis demandados no servizo de teletradución das entidades de atención a mulleres e vítimas de violencia de xénero

Trátase dun servizo gratuíto que busca o acceso das mulleres estranxeiras aos recursos dispoñibles, esencial nos casos de trata de persoas e violencia de xénero.

Este sistema atópase nas máis de 70 entidades de atención repartidas por toda a Comunidade, cun total de 51 idiomas diferentes nos que poder facer consultas.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2014.

O árabe e o romanés son os idiomas máis demandados durante o primeiro semestre deste ano no servizo de teletradución, instalado pola Secretaría Xeral da Igualdade en máis de 70 entidades de atención as mulleres e vítimas de violencia de xénero.

Ademais destes dous idiomas, tamén se atenderon chamadas en bérber, inglés e árabe clásico, do total dos 51 idiomas dispoñibles no sistema. Durante estes seis primeiros meses, o cómputo total do tempo de conversa mantido nas diferentes linguas é de preto de 470 minutos. Por provincias, tanto na Coruña como en Ourense, o idioma maioritario para as consultas foi o árabe, mentres que en Pontevedra o mais empregado foi o bérber.

Na actualidade, este servizo de Teletradución está dispoñible en 57 Centros de Información á Muller (CIMs), 11 ONGs, nas casas de acollida da Coruña, Lugo, Ourense, Culleredo, e Ferrol; así como no Centro de Emerxencias de Vigo – CEMVI e no Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero (CRI). O servizo é ofrecido sen custo algún por Igualdade, co fin de mellorar a atención e o acceso das mulleres inmigrantes aos recursos dispoñibles, un factor determinante nos casos de trata de persoas e violencia de xénero.

Un servizo determinante
A teletradución dá apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia. Entre as súas principais vantaxes atópase reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.

A través da plataforma de teletradución, a Secretaría Xeral da Igualdade quere dar resposta ás novas características poboacionais derivadas da inmigración, asegurando que estas mulleres teñan un acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.

O sistema permite ás usuarias comunicarse telefonicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida, o CRI ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.

736 lecturas