Chino mandarín, árabe e romanés son os idiomas máis demandados no servizo de teletradución das entidades de atención a mulleres e vítimas de violencia de xénero
Ofrecido sen custo pola Secretaría Xeral da Igualdade, está instalado en 70 entidades para facilitar a comunicación e o acceso das mulleres estranxeiras aos recursos dispoñibles, un factor determinante nos casos de trata de persoas e violencia de xénero.
No primeiro semestre do ano foi utilizado por 82 usuarias, maioritariamente residentes na provincia da Coruña.
Chino mandarín, árabe e romanés son os idiomas máis demandados durante o primeiro semestre deste ano no servizo de teletradución instalado pola Secretaría Xeral da Igualdade nos centros de información á muller, nas casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e nas entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido. En total, son 70 as entidades que xa incorporan este sistema, ofrecido sen custo por Igualdade para mellorar a atención e o acceso das mulleres inmigrantes aos recursos dispoñibles.
Durante os seis primeiros meses deste ano, o servizo de atención multilingüe foi utilizado por 82 usuarias. Foron maioriotariamente mulleres inmigrantes residentes na Coruña as que se comunicaron a través da plataforma de teletradución, un total de 50; seguidas de residentes en Pontevedra, onde se contabilizan 18 usuarias; Lugo con 10 usuarias e Ourense con 4.
Foi demandada atención en 15 idiomas diferentes. Amais dos tres citados, tamén se atendeu entres outros, en wolof, polaco, chino cantonés, tailandés e marroquí, do total dos 51 idiomas dispoñibles no sistema. O cómputo total do tempo de conversa mantido nas diferentes linguas supera as 25 horas neste periodo. Entre outras actuacións, o sistema foi determinante nunha recente operación de desarticulación de redes de inmigración ilegal e trata de seres humanos en Galicia.
Unha comunicación eficaz
A teletradución da apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.
A través da plataforma de teletradución, Igualdade quere dar resposta ás novas características poboacionais derivadas da inmigración, asegurando que estas mulleres teñan un acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.
Novas relacionadas