Rueda salienta o reforzo da Xunta das medidas de apoio para facilitar o retorno dos galegos do exterior desde a mocidade ata a xubilación

O presidente da Xunta participou nun encontro coa colectividade galega en Zürich.

Resalta a ampliación dos servizos da oficina de asesoramento aos retornados cunha área de información tributaria para os que residen en Suíza e os que regresan a Galicia.

Pon en valor os programas que ten en marcha o Goberno galego para mellorar a inserción laboral das persoas retornadas.

Subliña as 358 bolsas que ofrece este ano a Xunta para que a mocidade do exterior curse un máster ou un ciclo de FP en Galicia.

  • Rueda salienta o reforzo da Xunta das medidas de apoio para facilitar o retorno dos galegos do exterior desde a mocidade ata a xubilación
    Rueda salienta o reforzo da Xunta das medidas de apoio para facilitar o retorno dos galegos do exterior desde a mocidade ata a xubilación
  • Rueda salienta o reforzo da Xunta das medidas de apoio para facilitar o retorno dos galegos do exterior desde a mocidade ata a xubilación
    Rueda salienta o reforzo da Xunta das medidas de apoio para facilitar o retorno dos galegos do exterior desde a mocidade ata a xubilación
Listen to this page using ReadSpeaker
Zürich (Suíza), 29 de outubro de 2023.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Xunta está a reforzar as medidas de apoio para facilitar o retorno dos galegos e galegas do exterior que desexen regresar a Galicia en calquera etapa vital; desde a mocidade ata máis aló da xubilación.

Durante un encontro coa colectividade galega no centro da asociación As Xeitosiñas en Zürich, Rueda lembrou que a Xunta sempre estará a carón dos galegos, vivan onde vivan. Deste xeito, resaltou que o Goberno autonómico dá apoios aos centros e asociacións galegas espalladas polo mundo para realización de actividades e promover a cultura e lingua propia, pero tamén conta cunha serie de axudas para facilitar o retorno dos que apostan por volver a súa terra.

Nesta liña, fixo fincapé na Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno na que as persoas emigrantes reciben información e orientación sobre todo o proceso para a súa volta. O presidente salientou que a Xunta acaba de ampliar os servizos deste centro cunha área de información tributaria para os que residen no exterior e os que regresan a Galicia.

De feito, ante o interese desta cuestión por parte da colectividade de emigrantes residentes en Suíza, técnicos da Axencia Tributaria de Galicia e da Secretaría Xeral da Emigración estiveron a pasada fin de semana en tres cidades suízas informando e resolvendo dúbidas sobre este tema.

Ademais, hai que salientar que a Xunta tamén conta con axudas específicas para mellorar a inserción laboral dos retornados -coma o programa Retorna Cualifica Emprego que busca ofrecer contratos indefinidos en Galicia para atraer talento e experiencia- e ofrece bolsas para que a mocidade galega do exterior poida especializarse na comunidade. En concreto, o Goberno galego conta este ano con 358 axudas para que mozos e mozas que residen fóra de Galicia regresen para cursar un máster ou estudos de FP.

O labor dos centros de galegos no exterior

Finalmente, o presidente incidiu no importante labor que realizan entidades como As Xeitosiñas en apoio da colectividade galega no exterior e tamén no importante papel que desenvolven  na promoción e na difusión da cultura e lingua galega entre as novas xeracións.

224 lecturas