Rueda salienta que a combinación dunha economía internacionalizada e de empresarias e empresarios con raíces fai que Galicia sexa máis recoñecida e próspera

Incide na vontade internacionalizadora de Galicia coa posta en marcha da Estratexia de Internacionalización 2025, que xa está a acadar obxectivos.

Valora o traballo das Asociacións de Empresarios Galegos que traballan fóra do país, ás que cualificou de “axentes clave no prestixio mundial da marca Galicia”.

O presidente da Xunta interveu na entrega de premios AEGAMA con motivo do VIII Encontro Internacional de Empresarios Galegos no Mundo
O presidente da Xunta interveu na entrega de premios AEGAMA con motivo do VIII Encontro Internacional de Empresarios Galegos no Mundo
Listen to this page using ReadSpeaker
O Grove (Pontevedra), 29 de xullo de 2022.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou onte que a combinación dunha economía internacionalizada e de empresarias e empresarios con raíces fai que Galicia sexa máis recoñecida e próspera.

O titular do Goberno galego interveu na Illa da Toxa na entrega de premios AEGAMA con motivo do VIII Encontro Internacional de Empresarios Galegos no Mundo, un acto no que Roberto Tojeiro foi recoñecido co galardón ao empresario galego en Galicia, mentres que Lino de Prado recibiu o premio ao empresario galego en América.

O presidente da Xunta puxo aos homenaxeados como exemplo de esforzo e de entrega e dixo que formaban parte dunha longa lista de emprendedoras e emprendedores que non esquecen as súas raíces e que axudan a facer unha Galicia mellor. Rueda incidiu en que esa combinación dunha economía internacionalizada e de empresarias e empresarios orgullosos do seu consegue “que Galicia sexa máis recoñecida, a nosa economía máis forte e a nosa xente máis próspera”.

Asegurou que o Goberno galego comparte con elas e eles as prioridades, e que nesa vontade internacionalizadora de Galicia, a Xunta lanzou o ano pasado a Estratexia de Internacionalización 2025, que no seu primeiro ano en vigor xa acadou algúns dos seus obxectivos, como rexistrar 9.300 compañías exportadoras cando o horizonte estaba posto nas 8.000 ou conseguir 25.300 millóns de valor desas mercancías, cando se pretendía chegar aos 25.000 millóns. No presente ano as perspectivas tamén son boas, xa que como indicou Rueda, “ata maio levamos un 22% máis de ventas que no mesmo período do ano pasado”.

Tamén con esa intención, o Goberno galego “quere poñer todas as súas fortalezas ao servizo da economía española e europea, agora que vivimos de novo un escenario adverso”. Nese obxectivo, Galicia achega estabilidade institucional, planificación económica e control das contas públicas. “A nosa débeda pública per cápita é case 2.300 euros menor que no conxunto de España”, indicou o presidente do Goberno galego. Rueda enumerou tamén a posición de Galicia en sectores como o téxtil ou a automoción, o seu potencial innovador da man das tres universidades galegas ou as accións para atraer investimentos empresariais, como a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación, “para aliviar a carga burocrática e reducir prazos”.

Indicou ademais que Galicia quere dar exemplo de sustentabilidade e que por iso o 74% da súa xeración eléctrica procede de fontes limpas, ademais de ser a segunda comunidade española na produción de enerxía renovable e eólica. “Pero aínda queremos contribuír máis”, asegurou en relación aos fondos europeos, que considerou unha nova oportunidade para a modernización do tecido produtivo galego coa vista posta na Galicia de 2030. “Unha Comunidade máis industrial, verde e innovadora que perfilamos no Plan estratéxico 2022-2030”, que como recordou o presidente da Xunta, incorpora como grandes obxectivos un crecemento anual de entre 2 e 2,5 puntos e a redución do paro en torno ao 8%. 

378 lecturas