O presidente da Xunta expresa o pesar do Goberno e de todos os galegos e as galegas polo falecemento de Isaac Díaz Pardo, “o mellor exemplo dunha vida dedicada a un compromiso chamado Galicia”

Agradece o seu labor por facer unha Galicia “máis rica, máis culta e máis orgullosa de si mesma”.

Asegura que o multifacético intelectual é “un espello no que mirarnos todos os galegos”.

Gaba a súa xenerosidade por formalizar o ano pasado a cesión do seu fondo bibliográfico e documental á Biblioteca da Cidade da Cultura, “unha achega de incalculable valor para Galicia”.

Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo
Listen to this page using ReadSpeaker
5 de xaneiro de 2012.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe o pesar do seu Goberno e de todos os galegos e as galegas polo falecemento de Isaac Díaz Pardo. Feijóo amosou o seu recoñecemento ao impresionante legado do intelectual, e agradeceu o seu labor por facer unha Galicia “máis rica, máis culta e máis orgullosa de si mesma”. O presidente da Xunta asegurou que Díaz Pardo é un espello “no que mirarnos todos os galegos” e salientou que se trata do “mellor exemplo dunha vida dedicada a un compromiso chamado Galicia”.

O titular do Goberno galego asegurou que o multifacético intelectual, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario construíu o seu legado pensando en Galicia, e resaltou que a Galicia de Díaz Pardo non se entende sen unha cultura galega, “unha cultura de nós, propia e única, que el mesmo se encargou de preservar, fornecer e reconstruír desde as dúas beiras do Atlántico”. “A ese compromiso de Isaac Díaz Pardo pódeselle poñer un nome, o nome dun país: Galicia. Cando a Galicia coa que soñaba Don Isaac máis lonxe estivo de ser unha realidade, con máis folgos loitou por ela”, engadiu.

O presidente galego gabou a xenerosidade de Díaz Pardo ao formalizar o ano pasado a cesión dos seus fondos bibliográficos e documentais á biblioteca da Cidade da Cultura. “Trátase dunha achega de incalculable valor para Galicia, unha achega cultural de incalculable valor para a sociedade galega en xeral e tamén para a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura”, manifestou.

1238 lecturas