Rueda agradece a achega dos empresarios do exterior a unha Galicia cada vez máis moderna e competitiva
O presidente da Xunta participou no acto de entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2026, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña
Destaca que os seis premiados na gala desta noite representan a Galicia Calidade
Pon en valor o galeguismo aberto e integrador, e reivindica que a comunidade non aceptará ningún trato discriminatorio con respecto a outros territorios
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe a achega dos empresarios do exterior, e do conxunto dos galegos, para construír unha comunidade autónoma cada vez máis moderna e competitiva. Así o sinalou esta noite durante a súa participación no acto de entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2026, un acto organizado pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (Aega-Cat).
No acto recoñeceuse ao prestixioso traumatólogo Manuel Leyes; á escritora Espido Freire; ao xornalista Javier Casqueiro; ao empresario José Luis Blanco; a piragüista Teresa Portela; e á Fundación Barrié. O titular do Executivo autonómico destacou que todos representan a Galicia Calidade e son exemplo dun territorio vivo e dinámico, do excelente capital humano que hai na comunidade, e da gran representación de galegos que hai fóra das nosas fronteiras.
Así, salientou canto ten mudado Galicia nos últimos anos, o que lle permitiu pasar de ser unha terra de emigración a unha de acollida; e a ser quen de captar investimentos de empresas líderes mundiais, como o xigante da automoción SAIC.
Na súa intervención, Rueda tamén puxo en valor o galeguismo aberto e integrador, sempre disposto a tender lazos coas comunidades de acollida. Neste sentido, defendeu que Galicia sempre entendeu que o progreso debe ser común, polo que rexeitou calquera trato discriminatorio con respecto a outras comunidades.
Por último, o presidente tamén dedicou unhas palabras para agradecer ao presidente de Aega-Cat, o empresario Amancio López Seijas, o seu compromiso con Galicia.
Novas relacionadas







