Rueda e Miranda asinan na súa primeira xornada en Arxentina un convenio para a atención socio sanitaria a anciás e anciáns galegos

Vicepresidente e secretario xeral entrevístanse mañá co embaixador español en Uruguai, con quen prepararán a axenda da viaxe do presidente Mujica en xuño a Galicia.

Na súa primeira xornada de estadía en solitario, Rodríguez Miranda tivo oportunidade de reunirse coa Federación de Asociacións Galegas, á que insistiu na necesidade da unión de entidades, e racionalización de recursos.

  • De esquerda a dereita, Alejandro López Dobarro; Alfonso Rueda; Rafael Gil e Antonio Rodríguez Miranda.
    De esquerda a dereita, Alejandro López Dobarro; Alfonso Rueda; Rafael Gil e Antonio Rodríguez Miranda.
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no encontro que mantivo esta tarde co embaixador de España en Arxentina, Román Oyarzun
    O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no encontro que mantivo esta tarde co embaixador de España en Arxentina, Román Oyarzun
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela / Bos Aires, 8 de marzo de 2013.

O vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e mailo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, veñen de presidir na delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires a sinatura dun convenio de colaboración co Hogar Gallego para Ancianos, entidade presidida por Rafael Gil, para contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes na República Arxentina.

O acordo, polo que Emigración compromete corenta mil euros, pretende paliar esas necesidades estreitando a ligazón cunha entidade que foi fundada hai case 70 anos, e que goza de recoñecemento oficial de Galeguidade desde 1987. Esta entidade asumiu como unha das súas actividades primordiais a prestación de atención social aos emigrantes galegos e galegas e aos seus e as súas descendentes residentes na Arxentina, en especial na cidade de Bos Aires (Arxentina) e municipalidades limítrofes, que se atopen en situación de necesidade, debido ás circunstancias socioeconómicas nas que viven.

Segundo se reflicte no texto do convenio, “o Hogar constitúe un dos centros galegos de maior importancia de Bos Aires, tanto polo número de persoas que acolle como pola importancia dos programas de todo tipo que realiza en favor das persoas maiores de orixe galega residentes en Bos Aires”.

Conta cunha residencia de anciás e anciáns cunha capacidade para cen persoas, na que se acolle a emigrantes ou descendentes, e do total o 80% dos usuarios son galegos e galegas. A día de hoxe, esta institución está a desenvolver un destacado e insubstituíble labor socio asistencial co que trata de facer efectiva a mellora da calidade de vida das e dos anciáns pertencentes á colectividade galega emigrante.

Cita co embaixador en Uruguai
A xornada de mañá sábado levaraos ata Montevideo, onde vicepresidente e secretario xeral aproveitarán a súa estadía en Uruguai para entrevistarse co embaixador español naquela república, e ex conselleiro do Goberno galego, Roberto Varela. Con el planificarán a viaxe e axenda de asuntos a tratar na visita oficial que o presidente uruguaio José Mujica realizará a Galicia o vindeiro mes de xuño, segundo se confirmou esta mesma semana.Trátase dunha recepción oficial do embaixador aos representantes da Administración galega, e con representantes da colectividade galega.

Os dous altos mandatarios tamén visitarán a Asociación Española Primera de Socorros Mútuos, e asinarán despois na Delegación da Xunta en Uruguai respectivos convenios co Hogar Español e maila Casa de Galicia. Xa a última hora da tarde procederán a cursar visita ao Centro Social, Cultural e Deportivo Val Miñor.

Na Arxentina
No que queda de xornada deste venres, Rueda e Miranda manterán unha reunión de traballo, para analizar as necesidades actuais na súa materia das galegas e dos galegos residentes na Arxentina, co titular da consellería de Emprego e Seguridade Social na Embaixada de España na república austral, Santiago Camba, quen foi antecesor de Rodríguez Miranda no cargo de secretario xeral da Emigración. Tamén terán oportunidade de departir co propio embaixador, Román Oyarzun.

Segundo os últimos datos oficiais do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro), residen 152.875 galegos e galegas na República Arxentina, o que supón o 34’34% do total de persoas galegas do Exterior (445.182), e configúrase como o país con maior número de persoas emigrantes galegas no estranxeiro, moi por riba dos seguintes (Venezuela, o segundo, conta con 44.891). Xa pola tarde (noite pecha en Galicia), os mandatarios galegos visitarán Ribadumia, Casa Gallega de Cultura en Buenos Aires Asociación Civil, que preside Raúl Pagés.

Coa colectividade uruguaia
Na xornada de [onte] xoves, Miranda –que aterrou en terras sudamericanas un día antes ca o vicepresidente- coñeceu de primeira man a situación da diáspora galega en Uruguai. De feito, tivo oportunidade de participar nunha xuntanza de traballo con representantes dalgunhas das entidades máis senlleiras da Emigración galega naquel país, reunión que foi presidida polo embaixador de España en Uruguai.

Acudiron ao encontro as e os mandatarios das entidades integradas na Federación de Asociacións Galegas no Uruguai – Unión de Sociedades Galegas, que son as seguintes: Centro Social, Cultural y Deportivo de Bolos Val Miñor; Casa de Galicia de Montevideo; Centro Galego de Montevideo; Centro Social e Cultural Bergantiños; Unión Hijos de Morgadanes Residentes en El Plata; Centro Ourensán de Montevideo; Centro Cultural y Recreativo Hijos de Galicia; Alma Gallega; Hijos del Ayuntamiento de Porto do Son; Patronato da Cultura Galega; Centro Pontevedrés Social e Deportivo; e Sociedad de Campo Lameiro del Uruguay Cultural y Recreativa.

No decurso da xuntanza, o secretario xeral da Emigración insistiu no exercicio de unidade e pragmatismo que debe levar ás entidades a se uniren: “Só mediante a optimización dos recursos e o uso racional dos mesmos, tanto dos públicos coma dos propios das entidades, garántese a viabilidade dalgunhas asociacións de galegos no Exterior”, recalcou Miranda.

Semente da Galeguidade
Antes da xuntanza da tarde, o máximo responsable en materia de Emigración en Galicia cursou visitou a mediodía, e nada máis aterrar en terras uruguaias, o Hogar Español de Montevideo, que preside Benito Grande, institución ceada no ano 1964 para atender aos anciáns e as anciás con menos recursos, na súa inmensa maioría galegas e galegos. Despois, cursou visita ao Centro Social e Cultural Bergantiños, presidido por José Walter Pena, creado en 1969 por emigrantes procedentes desa bisbarra coruñesa.

Á primeira hora da tarde visitaba o Centro Galego de Montevideo, entidade presidida por Jorge Torres. É un centro con especial simbolismo: fundado en 1879, esa data acredítao como o centro galego máis antigo en funcionamento do mundo; constitúese polo tanto nunha comunidade emblemática, na xenuína semente da Galeguidade universal.

A institución ten destacado sempre polas súas actividades no terreo cultural, desenvolvendo un amplo programa con ciclos de conferencias, obras teatrais, exposicións, concertos, cursos e festivais de danza. Anualmente organizan diversas actividades de carácter benéfico en apoio do Hogar Español de Ancianos e coordina diversos programas asistenciais a favor dos nenos e nenas descendentes de galegos e galegas, especialmente as e os máis desfavorecidos. A sede social foi construída en 1923 e é un dos pazos máis fermosos de Montevideo, no que se atopa o Teatro Valle Inclán, a Sala Rosalía de Castro, a Biblioteca Concepción Arenal, ou a Sala de Lectura Castelao, ademais dun reputado restaurante, varias salas de reunións, de xogos e de ensaios.

Asemade, no ano 1994 foi inaugurado o novo parque social e polideportivo na zona residencial de Carrasco, que conta con importantes instalacións de recreo e deportivas. Trátase, en definitiva, dunha entidade que combina un elevado valor simbólico e histórico, coa puxanza e viveza dunha sociedade viva, dinámica e con solvencia de futuro.

1090 lecturas