Miranda comparte a súa primeira xornada de viaxe cos maiores galegos e galegas residentes no Fogar de Domselaar, unha das institucións máis senlleiras da diáspora en Arxentina
O secretario xeral asina un convenio de colaboración para axudar a garantir as condicións sociais e sanitarias básicas das galegas e galegos de avanzada idade, residentes na capital arxentina, e en situación de precariedade.
Os seguintes destinos da viaxe son Brasil e Uruguai, onde Miranda visitará tamén diversas entidades que prestan atención social e sanitaria a maiores galegos e galegas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comezou a súa viaxe a Arxentina, Brasil e Uruguai cunha distendida visita ao Fogar Galego para Anciáns da localidade bonaerense de Domselaar, onde asinou un convenio de colaboración para contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e dos cidadáns galegos.
O acordo, anual e dotado con corenta mil euros, reflicte que “en Bos Aires reside unha amplísima colonia de galegos e descendentes, que están a sufrir unha situación de crise socio económica que xera un deterioro do nivel de vida dos seus cidadáns, que se está a agravar no sector de poboación de maior idade debido a falta real e operativa de mecanismos integrais de cobertura social e asistencia”.
En execución do convenio, o Fogar comprométese a proporcionar prestacións de atención residencial ás e aos cidadáns galegos ingresados, realizar actuacións en prevención sanitaria e proporcionarlles medicamentos e outro material xerontolóxico en caso de necesidade, e facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Administración autonómica. Asemade, a entidade comprométese a dotar a residencia do equipamento e persoal especializado necesario para o seu correcto funcionamento, prestar os servizos obxecto do convenio nos termos establecidos nel, e a informar periodicamente á Secretaría Xeral da Emigración sobre os resultados sociais desta iniciativa.
Institución senlleira
O ‘Hogar Gallego para Ancianos’ constitúese como unha entidade benéfica fundada en 1943,e con Galeguidade recoñecida en 1987. Asumiu como unha das súas actividades primordiais a prestación de atención social aos emigrantes galegos e galegas e aos seus e as súas descendentes residentes na Arxentina, en especial na cidade de Bos Aires e municipalidades limítrofes, que se atopen en situación de necesidade, debido as circunstancias socio económicas nas que viven. O Fogar constitúe un dos centros galegos de maior importancia de Bos Aires, tanto polo número de persoas que acolle como pola importancia dos programas de todo tipo que realiza en favor das persoas da terceira idade de orixe galega residentes en Bos Aires.
Conta cunha residencia para persoas anciás cunha capacidade para cen residentes, na que se acolle a emigrantes ou descendentes, especialmente procedentes de Galicia, xa que mais do 80% das e dos usuarios son galegos. A día de hoxe, esta institución está a desenvolver un destacado e insubstituíble labor socio asistencial, co que trata de facer efectiva a mellora da calidade de vida das persoas anciás pertencentes á colectividade galega emigrante.
O falecemento en 1942 dun ancián galego, natural de Ourense, a causa do frío e na propia rúa, impulsou o ánimo de moitas e moitos paisanos para fundaren esta institución. Vista a importancia e o labor deste centro, moi pronto se sumaron ao proxecto importantes médicos, comerciantes, poetas e artistas da época. Diversas entidades galegas asentadas en Bos Aires celebran actos e eventos benéficos coa fin de recadar fondos para o centro, mantendo vivo aquel espírito de "bos sentimentos dos irmáns galegos" que consta na súa acta fundacional. Celebran relevantes actos culturais e festividades que recordan as festas máis tradicionais da Galicia territorial, así como efemérides que permitan unha estancia máis agradable ás e aos residentes. O Fogar foi galardoado coa Medalla de Galicia de Prata en 1994.
Brasil e Uruguai
Trala estancia en Arxentina, Rodríguez Miranda pon agora rumbo a Brasil, onde visitará catro entidades de referencia para a diáspora galega: a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Sâo Paulo e, nesta mesma localidade, a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrução. En Santos, asemade, visitará a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Santos (homónima da anterior, pero sen relación entre elas), e o Centro Espanhol de Santos e Repatriação.
O máximo responsable autonómico en materia de Emigración concluirá esta nova viaxe en Uruguai compartindo a axenda institucional da presidenta do Parlamento autonómico, Pilar Rojo, na súa visita oficial ao país, e tamén asinando cadanseu convenio de colaboración coa Casa de Galicia de Montevideo, e coa Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos, con sede tamén na capital charrúa.
Novas relacionadas