Emigración destina 75.000€ ao Hogar Español de Montevideo para a atención social a galegas e galegos residentes no Uruguai

Esta axuda ten como obxectivo colaborar no funcionamento desta entidade sen ánimo de lucro, que dispón de persoal especializado de cara a promover o benestar das persoas beneficiarias de orixe galega acollidas neste centro.

Imaxe de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración ao Hogar Español de Montevideo
Imaxe de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración ao Hogar Español de Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.

A Secretaria Xeral da Emigración destina 75.000 euros para o Hogar Español de Montevideo, de cara a axudar na atención social das galegas e galegos residentes no Uruguai. 

Esta entidade sen ánimo de lucro, mantén un servizo integral ás e aos 155 usuarios que se atopan actualmente no centro, dos que 83 son galegas e galegos, aínda que ten capacidade para chegar a acoller a 216 persoas. O 90% das e dos que se atopan residindo nas súas instalacións son dependentes en diferentes graos, de leve a severo e contan cunha idade media de 86 anos. Ademais de aloxamento, coidado e manutención, o centro ofrece servizos médicos, animación socio cultural e estimulación cognitiva. 

A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este fogar, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente no Uruguai e que estean a pasar dificultades vitais.

Esta axuda ten como obxectivo colaborar no funcionamento do Hogar que conta con  persoal especializado para promover o benestar das persoas beneficiarias de orixe galega acollidas neste centro, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social. 

295 lecturas