Miranda compromete co Hogar Español de Montevideo un acordo de colaboración por 100.000 euros para a atención social a galegas e galegos residentes en Uruguai
O secretario xeral da Emigración mantivo unha videoconferencia co presidente desta entidade, Ángel Domínguez Castro.
En 2021 auméntase a dotación de cara a que a entidade poida facer fronte ás necesidades derivadas da actual pandemia.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda mantivo nas últimas horas unha reunión por videoconferencia co presidente do Hogar Español de Montevideo na que se lle trasladou o compromiso dun acordo de colaboración por 100.000 euros para a atención social das galegas e galegos residentes no Uruguai.
Precisamente a covid-19 motivou o aumento da dotación para este ano do convenio, que en 2020 foi de 50.000 euros e que este ano se duplica.
Durante o encontro dixital, analizouse tamén a situación actual da institución. Neste senso, Ángel Domínguez informoulle a Rodríguez Miranda de que a entidade mantén a súa actividade con total normalidade, ofrecendo un servizo integral aos 120 usuarios e usuarias que se atopan actualmente no centro, dos que o 80% son galegos, aínda que ten capacidade para chegar a acoller a 216 persoas. O 90% das e dos que se atopan residindo nas súas instalacións son dependentes en diferentes graos, de leve a severo e contan cunha idade media de 86 anos. Ademais de aloxamento, coidado e manutención, o centro ofrece servizos médicos, animación socio cultural e estimulación cognitiva.
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este fogar, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente en Uruguai e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores, un colectivo xa de por si vulnerable e que nesta pandemia está a ser o máis afectado”, explicou Rodríguez Miranda.
“O noso interese radica na pretensión de mellorar a súa saúde, o seu benestar social e a súa calidade de vida. A situación vivida polo virus da covid-19 obriga a este tipo de entidades a levar a cabo diferentes accións de prevención, hixiene, realización de probas e habilitación de salas de illamento, o que supuxo, evidentemente, un importante desembolso en adquisición de material e contratación de persoal”, engadiu o secretario xeral.
Novas relacionadas