Miranda renova diversos convenios para asistencia sociosanitaria a galegos e galegas residentes en Arxentina, Uruguai e Venezuela

Os documentos asinados polo secretario xeral da Emigración e os presidentes de cadansúa entidade supoñen a continuidade na acción social da Xunta de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, cursa visita durante esta semana a comunidades galegas das repúblicas Arxentina, do Uruguai e de Venezuela, e asina convenios de colaboración con institucións da diáspora que prestan servizos asistenciais a galegas e galegos que, pola súa avanzada idade ou razóns de carácter socioeconómico, atópanse en situación de precariedade.

En primeiro lugar, e tras aterrar en Bos Aires, Miranda mantivo un encontro coa representante dos centros galegos de Arxentina na Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, Beatriz Carballo. Despois, viuse na Consellería de Educación e Ciencia da Embaixada española na Arxentina co seu titular, Francisco Javier Moldes Fontán.

A súa xornada en Bos Aires completouse con visitas a diversas comunidades galegas na capital, durante as cales mantivo contacto coas socias e socios de cadansúa entidade: a Asociación Casa de Galicia; a Asociación Galega Residentes de Mos de Mutualidade, Cultura e Recreo; e mailo Centro Arzuán Melidense. Tamén tivo tempo de entrevistarse co presidente do Centro Galicia e Manuel Peleteiro do Colexio Santiago Apóstolo da capital bonaerense.

Uruguai e Venezuela
Na República Oriental do Uruguai, o secretario xeral da Emigración visitou as instalacións e  saudou ás e aos residentes do Hogar Español de Montevideo, onde asinou un convenio de colaboración para a asistencia sociosanitaria de galegas e galegos en situación de precariedade e alta dependencia, pola súa avanzada idade e situación económica familiar. Neste Hogar residen arestora máis de cento cincuenta cidadás e cidadáns galegos.

Posteriormente, trasladouse ata a Casa de Galicia de Montevideo, onde asinou un convenio similar de colaboración. Despois, visitou o Centro Pontevedrés da capital uruguaia, e asinou máis tarde un convenio de colaboración para atención sociosanitaria coa Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos.

Estes convenios, así como os que de seguido asinou en Venezuela, dan continuidade á acción socioasistencial da Secretaría Xeral da Emigración, e supoñen unha contía global de 225.000 euros.

Xa na República Bolivariana, Miranda asinará mañá mércores dous convenios coa Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, outro coa súa homóloga en Valencia, e outro máis coa Fundación España Salud; todos eles coa finalidade de garantir as mellores condicións posibles para as galegas e os galegos residentes no Exterior en condicións de vulnerabilidade.

1496 lecturas