Rueda destaca que a viaxe de Feijóo serviu para "estreitar lazos" con Cuba

  • Na imaxe, a ofrenda floral no Panteón de Naturais de Galicia do cemiterio Colón da Habana ás e aos galegos falecidos en Cuba
    Na imaxe, a ofrenda floral no Panteón de Naturais de Galicia do cemiterio Colón da Habana ás e aos galegos falecidos en Cuba
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante o percorrido co historiador Eusebio Leal pola Habana Vella
    O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante o percorrido co historiador Eusebio Leal pola Habana Vella
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2013.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou onte que a viaxe do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Cuba tiña cumprido co obxectivo previamente marcado de contactar cos galegos e as galegas residentes na illa caribeña e tamén de estreitar relacións co Goberno daquel país.

O máximo mandatario autonómico concluíu o pasado domingo unha viaxe oficial a Cuba onde, ademais de reunirse coa colectividade galega e dirixentes da illa caribeña, tamén foi recibido polo seu presidente, Raúl Castro.

En declaracións ás e aos xornalistas tras un acto na localidade coruñesa de Ames, Alfonso Rueda, quen exerce de presidente en funcións cando Feijóo se encontra no exterior, subliñou que, independentemente de posteriores avaliacións, o obxectivo principal da visita era que o presidente estivese cos galegos e coas galegas da illa e as e os seus descendentes, así como escoitalos e "levarlles o alento da Xunta", incidiu.

Outro asunto da axenda de Feijóo en Cuba era que as distintas sociedades de cidadás e cidadáns galegos na illa, que "estaban a agonizar", segundo aseverou Rueda, se xunten para "seguir existindo e ser máis fortes e creo que ese aspecto da viaxe está totalmente cumprido".

Ademais, destacou que as visitas e os contactos que Núñez Feijóo mantivo "ao máis alto nivel" co Goberno cubano servirán para "estreitar as relacións co Goberno cubano e, a través del, cos galegos que están alí".

Finalmente, destacou que as intencións de abrir "novas oportunidades económicas de empresas galegas" no exterior seguro "que tamén foron útiles".

 

Fonte: El Ideal Gallego

1049 lecturas