Feijóo viaxará a Cuba a principios do mes de decembro co obxectivo de reforzar o apoio aos 38.000 galegos e galegas que residen na illa

O responsable do Goberno galego mantivo, este mediodía, un encontro co embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez.

O titular da Xunta visitará á colectividade galega que reside no país caribeño co obxectivo de coñecer de primeira man a súa situación e as súas demandas.

O presidente autonómico avaliará durante a súa estancia as oportunidades económicas de Galicia con este país.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2013.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, viaxará a Cuba a principios do mes de decembro co obxectivo de reforzar o apoio aos 38.000 galegos e galegas que residen na illa.

O titular da Xunta, que este mediodía mantivo un encontro co embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez, visitará á colectividade galega que reside no país caribeño co obxectivo de coñecer de primeira man a súa situación e as súas demandas, de forma que a Xunta poida dar continuidade á permanente defensa dos intereses sociais e asistenciais dos galegos e galegas no país.

Así mesmo, outro dos obxectivos será fomentar a unión entre as entidades galegas radicadas na illa, un proceso que xa ten materializado a colectividade galega afincada en Cataluña e que, tamén, prevén levar a cabo neste ano 2013 centros de emigrantes en Alemaña, Venezuela ou Arxentina.

A segunda liña na que se centrará a viaxe de Feijóo será a de fortalecer as relacións de Galicia con Cuba, e con este fin o presidente do Goberno galego manterá encontros institucionais e comerciais.

O titular da Xunta avaliará durante a súa estancia as oportunidades económicas de Galicia con este país, inmerso nun proceso de reformas que ofrece oportunidades de exportación e posibilidades de investimento en sectores estratéxicos como a agricultura, a gandería, a pesca, as enerxías renovables, a construción pública ou a automoción.

Ao longo da reunión, Feijóo puido analizar co embaixador diversos aspectos da axenda da viaxe, que se pechará en coordinación co Goberno central para que sexa acorde cos obxectivos de política exterior do Executivo estatal.

Esta visita a Cuba será a primeira que realizará Feijóo desde que foi elixido Presidente da Xunta en 2009, dando continuidade á estratexia de acción exterior de Galicia en Cuba, que iniciou en 1991 o ex-presidente da Xunta Manuel Fraga, o primeiro mandatario galego en realizar unha visita a ese país.

1298 lecturas