Rodríguez Miranda recibe ás e aos primeiros dos 133 participantes na edición de 2015 do programa “Reencontros na Terra”

Este segundo programa para maiores da diáspora completa a iniciativa irmá levada a cabo en xuño (Reencontros na Casa) que xa trouxera a Galicia a 185 persoas residentes no Exterior.

A primeira quincena benefícianse dunha estadía na Residencia de Panxón e, despois, poden quedar coas súas familias ata un tempo máximo de tres meses.

A maioría das persoas participantes proceden de Arxentina e Uruguai, países que concentran case a metade de galegos e galegas residentes no estranxeiro.

  • Imaxe da chegada desta mañá ao aeroporto vigués de Peinador
    Imaxe da chegada desta mañá ao aeroporto vigués de Peinador
  • Imaxe da chegada desta mañá ao aeroporto vigués de Peinador
    Imaxe da chegada desta mañá ao aeroporto vigués de Peinador
  • Imaxe da chegada desta mañá ao aeroporto de Peinador
    Imaxe da chegada desta mañá ao aeroporto de Peinador
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no aeroporto de Peinador ás e aos primeiros 84 participantes -dos 133 que en total se benefician na edición deste ano- no programa Reencontros na Terra, procedentes neste caso concreto de Arxentina (76) e Brasil (8).

O programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, ten por finalidade favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas que teñen cumpridos 65 anos á súa terra e ás súas familias. Participan nesta edición un total de 134 persoas procedentes dos cinco países citados.

Aínda que todas as persoas participantes teñen cumpridos os 65 anos, condición sine qua non para beneficiárense do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 75 anos. Acontece o mesmo no caso do programa irmán que ten lugar no verán, Reencontros na Casa, e que neste ano trouxo a Galicia a outras 185 persoas galegas residentes no Exterior.

Na edición deste ano, os grupos máis numerosos son os procedentes de Arxentina (76 persoas) e Uruguai (33), completando  a cifra global 11 de Venezuela, 9 de Brasil, e 4 de Cuba. Ademais, acompañan aos dous grupos máis numerosos, o arxentino e o uruguaio, cadanseu coidador médico.

O proceso
A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, gastronómico, ou folclórico, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.

As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español para o ano 2015 e a idade de quen realizou a solicitude, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa leváronse a cabo reunións previas nos diferentes países de orixe nas que participaron as persoas beneficiarias e nas que interviñeron persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; o persoal médico acompañante no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes adxudicataria do concurso público convocado para os desprazamentos, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etcétera.

A estadía
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre de Panxón, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional.

A segunda fase consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

897 lecturas