Chegan a Galicia as 127 persoas participantes no programa “Reencontros na Terra 2016”

Mercé a esta iniciativa da Xunta, un total de 127 maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial. 

A primeira quincena benefícianse dunha estadía na Residencia do Carballiño e, despois, poden quedar coas súas familias ata un tempo máximo de tres meses. 

A maioría das persoas participantes proceden de Arxentina e Uruguai, países que concentran case a metade de galegos e galegas residentes no estranxeiro. 

Na imaxe, chegada das e dos participantes ao aeroporto vigués de Peinador
Na imaxe, chegada das e dos participantes ao aeroporto vigués de Peinador
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2016.

As persoas participantes no programa “Reencontros na Terra”, na súa edición deste ano 2016, aterran este venres nos aeroportos de Peinador e Lavacolla, en voos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, México, Uruguai e Venezuela, tras escala en Madrid.

O programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social, ten por finalidade favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas que teñen cumpridos 65 anos á súa terra e ás súas familias. Participan nesta edición un total de 127 persoas procedentes dos seis países citados.

Os grupos máis numerosos son os procedentes de Arxentina (86 persoas) e Venezuela (16 persoas). O resto das persoas participantes son 5 de Brasil, 12 de Uruguai, 6 de Cuba e 2 de México. Preto do 39% das persoas participantes naceron na provincia da Coruña, o 30% na de Pontevedra, o 16% na de Lugo e o 15% restante na provincia de Ourense.

Aínda que todas as persoas participantes teñen cumpridos os 65 anos, condición sine qua non para beneficiárense do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 72 anos.

O proceso
A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.

As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español para o ano 2016 e a idade de quen realizou a solicitude, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa leváronse a cabo reunións previas nos diferentes países de orixe nas que participaron as persoas beneficiarias e nas que interviñeron persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; o persoal médico acompañante no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes adxudicataria do concurso público convocado para os desprazamentos, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etcétera.

A estadía
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de O Carballiño, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional.

A segunda fase consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

2949 lecturas