Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda visitan ás e os participantes do programa “Reencontros na Terra”

A maioría das persoas participantes proceden de Arxentina e Uruguai, países que concentran case a metade de galegos e galegas residentes no estranxeiro.

A primeira quincena benefícianse dunha estadía na Residencia de Panxón e, despois, poden quedar coas súas familias ata un tempo máximo de tres meses. 

  • Imaxe desta mañá na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán
    Imaxe desta mañá na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán
  • Imaxe desta mañá na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán
    Imaxe desta mañá na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración cun dos participantes desta edición de Reencontros na Terra
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración cun dos participantes desta edición de Reencontros na Terra
Listen to this page using ReadSpeaker
Nigrán (Pontevedra), 3 de outubro de 2015.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitaron hoxe ás e aos participantes no programa “Reencontros na Terra”, que se encontran de estadía na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no concello de Nigrán.

O programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, ten por finalidade favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas que teñen cumpridos 65 anos á súa terra e ás súas familias.

Na edición deste ano participan un total de 133 persoas procedentes de Arxentina (76), Uruguai (33), Venezuela (11), Brasil (9) e Cuba (4). Ademais, acompañan aos dous grupos máis numerosos, o arxentino e o uruguaio, cadanseu coidador médico.

Aínda que todas as persoas participantes teñen cumpridos os 65 anos, condición sine qua non para beneficiárense do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 75 anos. Acontece o mesmo no caso do programa irmán que ten lugar no verán, Reencontros na Casa, e que neste ano trouxo a Galicia a outras 185 persoas galegas residentes no Exterior.

A estadía
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas, a actual, consiste nunha estadía de dúas semanas na Residencia de Tempo Libre de Panxón, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional.

Posteriormente, habería posibilidade dunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

827 lecturas