Rodríguez Miranda participa na celebración coa comunidade empresarial galega en Miami
O alcalde da capital da Florida, Tomás Regalado, entregará a chave da cidade ao presidente da Asociación de Empresarios Galegos nos Estados Unidos, José Manuel Brandariz.
Na axenda da viaxe do secretario xeral da Emigración figura igualmente a visita á Casa de Santa Marta de Ortigueira.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha viaxe a Miami, para participar na celebración organizada por AEGUSA (Asociación de Empresarios Galegos nos Estados Unidos) co gallo de térense acadado 200 persoas asociadas na entidade.
Durante o decurso da celebración, o alcalde da localidade, o cubano de nacemento Tomás Regalado, entregaralle as chaves da cidade ao presidente da Asociación, o emprendedor galego José Manuel Brandariz, en homenaxe ao seu labor persoal, o de toda a organización que dirixe, e de toda a colectividade galega, na integración e implicación na vida e desenvolvemento da cidade.
O homenaxeado é un empresario moi recoñecido na distribución de material audiovisual en toda América Latina -especialmente de películas latinas en cine, televisión e cable para o mercado hispano dos Estados Unidos-, así como na produción de tv-movies para a poboación de fala hispana de todo o continente. Mercé a ese prolongado labor profesional, ten contribuído dunha maneira sinalada á proxección exterior de Galicia.
Casa de Ortigueira
Ademais das socias e socios de AEGUSA, das autoridades locais, e do secretario xeral da Emigración, agárdase a presenza nesa celebración de moitas e moitos veciños da cidade. Tamén estará presente Carmen Álvarez, presidenta honoraria da Casa de Santa Marta de Ortigueira en Miami, entidade creada no ano 1972 fundamentalmente por cubanas e cubanos descendentes de cidadás e cidadáns galegos, e centro de referencia para a comunidade galega asentada en Miami e todo o sureste dos EE.UU.
Da axenda desta viaxe de Rodríguez Miranda a Miami forma parte igualmente a visita ás instalacións da Casa, na que departirá cos seus socios e socias, xa na xornada de mañá sábado, antes de regresar a Galicia.
Novas relacionadas