Rodríguez Miranda comprométese co presidente e o vicepresidente da Casa de Galicia de Las Palmas no impulso das obras de reconstrución da súa sede

A Casa de Galicia das Palmas posúe un edificio de cinco andares, que sufriu un grave incendio a mediados do ano 2014. 

Os representantes da institución galega en Gran Canaria trasladáronlle ao Secretario Xeral o estado das obras de reparación e solicítanlle que o Goberno galego siga a colaborar coa reconstrución das súas instalacións.

  • De dereita a esquerda, Miranda, Aneiros e Míguez, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
    De dereita a esquerda, Miranda, Aneiros e Míguez, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
  • De dereita a esquerda, Miranda, Aneiros e Míguez, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
    De dereita a esquerda, Miranda, Aneiros e Míguez, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
  • De dereita a esquerda, Miranda, Aneiros e Míguez, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
    De dereita a esquerda, Miranda, Aneiros e Míguez, durante a reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho esta semana a Albino Aneiros e a Braulio Míguez, presidente e vicepresidente da Casa de Galicia das Palmas, con quen departiu sobre a actualidade da diáspora galega nesta localidade canaria, e no arquipélago en xeral.

Aneiros e Míguez fixeron repaso á vida social e cultural da entidade nos últimos meses. O secretario xeral transmitiulles as súas felicitacións e o seu agradecemento por seguir a realizar todas estas actividades a pesar de non ter sede operativa.

O tema principal da reunión  versou sobre o estado das obras de reconstrución do edificio. O presidente da entidade confirmou que van a bo ritmo e solicitou ao secretario xeral que o Goberno galego manteña o seu compromiso para conseguir rematar a recuperación das súas instalacións segundo os prazos previstos e poder así polas en funcionamento para a primavera de 2018, coincidindo co aniversario da entidade.

Miranda manifestoulles que a Secretaría Xeral da Emigración seguirá a axudar a Casa de Galicia das Palmas neste proxecto de recuperación e pediulles que lle trasladaran ao resto da directiva e todos os socios e socias en xeral o seu recoñecemento por todo traballo feito a prol desta loable causa.

Importante labor social
A Casa de Galicia das Palmas posúe un edificio de cinco andares, que conta, entre outras instalacións, con salón nobre, outro de actos sociais, biblioteca, sala xuvenil, de audiovisuais, obradoiro de música, ludoteca, salas de xuntas e de comisións e servizos de hostalaría.

Fundada no ano 1951, a mediados dos setenta adquire o actual edificio no que hoxe ten a sede social. Ademais de organizar actos culturais diversos con ampla participación da comunidade galega e da autóctona, colabora nunha parte importante das que desenvolven outras entidades nadas nas Palmas, con especial incidencia nos convocados polas distintas casas rexionais asentadas na cidade, e polas sociedades recreativas e culturais da capital.
A entidade foi pioneira –hai xa 40 anos- na organización da famosa Cabalgata de Reis das Palmas, iniciativa na que segue participando, e na que levaba e leva a cabo de maneira simultánea unha campaña de recollida de xoguetes para os nenos e nenas con recursos máis limitados da illa, que lle valeu un amplo recoñecemento social por parte da poboación nativa. Así, en xuño de 2005 foille outorgada a medalla de ouro da cidade das Palmas, e obtivo o Can de Prata do Cabildo de Gran Canaria, así como diversos recoñecementos ao mérito social.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, hai un total de 26.099 persoas nadas en Galicia e que residen arestora na Comunidade Autónoma das Illas Canarias, repartíndose practicamente á metade nas dúas provincias do arquipélago.

1031 lecturas