Rodríguez Miranda comparte coa comunidade galega nas Illas Canarias o 65º aniversario da Casa de Galicia das Palmas, e pon de relevo o seu importante labor social

No acto, nomeouse presidente de honra a Ricardo Villares, polo seu traballo á fronte da entidade durante tres décadas.

O secretario xeral da Emigración puxo de relevo que as e os galegos residentes en Canarias gozan dunha excelente imaxe polo traballo solidario realizado desde as entidades que os representan.

  • Miranda fixo entrega dunha placa a Ricardo Villares Paz (ausente por enfermidade, recolleuna a súa dona), ex-presidente da entidade, en recoñecemento aos seus 30 anos á fronte da entidade galega na capital grancanaria
    Miranda fixo entrega dunha placa a Ricardo Villares Paz (ausente por enfermidade, recolleuna a súa dona), ex-presidente da entidade, en recoñecemento aos seus 30 anos á fronte da entidade galega na capital grancanaria
  • O secretario xeral da Emigración fala co único socio aínda vivo dos fundadores da Casa, que conta con 94 anos
    O secretario xeral da Emigración fala co único socio aínda vivo dos fundadores da Casa, que conta con 94 anos
  • Á dereita na foto, os presidentes da Casa de Galicia das Palmas, a quen Miranda entregou unha placa conmemorativa do 65º aniversario da entidade, e do Centro Galego de Tenerife
    Á dereita na foto, os presidentes da Casa de Galicia das Palmas, a quen Miranda entregou unha placa conmemorativa do 65º aniversario da entidade, e do Centro Galego de Tenerife
  • Entrega da insignia por dez anos na Casa ao grupo de gaiteiros da entidade. Á dereita de Miranda na foto, o tenente de alcalde das Palmas, presente no acto
    Entrega da insignia por dez anos na Casa ao grupo de gaiteiros da entidade. Á dereita de Miranda na foto, o tenente de alcalde das Palmas, presente no acto
  • Vista xeral co público asistente á celebración do 65º aniversario da Casa de Galicia das Palmas
    Vista xeral co público asistente á celebración do 65º aniversario da Casa de Galicia das Palmas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu a pasada noite na capital da illa de Gran Canaria o sesaxésimo quinto aniversario do nacemento da Casa de Galicia das Palmas, con asistencia de máis de trescentas persoas, vinculadas a esta comunidade galega e á súa irmá na outra grande illa canaria, o Centro Galego de Santa Cruz de Tenerife.

Precisamente, a capacidade de traballo xuntas e xuntos en obxectivos comúns “superando inútiles localismos” como sinal identificador da diáspora galega foi posto de relevo polo secretario xeral, na súa alocución ás e aos presentes. Rodríguez Miranda tamén sinalou que a comunidade galega en Canarias ten destacado pola súa intensa obra social: “A Galeguidade universal ten demostrado que a solidariedade cos desfavorecidos é un dos seus sinais de identidade, e isto amósase con máis claridade en América Latina, pero tamén aquí, co voso traballo apoiando o Banco de Alimentos e outras iniciativas solidarias, pedra angular do bo nome e fama das que goza esta entidade”.

Antes da celebración coa comunidade galega -canda familiares e veciñas e veciños do arquipélago que tamén desexaron compartir este día especial-, Miranda visitou a persoas asociadas, e as instalacións, da Casa de Galicia das Palmas, e mantivo unha xuntanza de traballo con directivas e directivos das citadas dúas comunidades galegas nas illas, entre eles os presidentes da Casa nas Palmas, Albino Aneiros, e o seu homólogo do Centro en Tenerife, Eduardo Sánchez Solla.

Recoñecementos
Durante a celebración, realizouse a entrega de insignias de prata e ouro ás persoas que cumpren, respectivamente, doce e vinte anos como asociadas da entidade. Ademais, realizouse a entrega de cadanseu recoñecemento á xornalista e filla predilecta da cidade Marisol Ayala, e Hamid Bled, Rafael Pulido, ao Restaurante El Churrasco, Pepa Hernández -directora de Contabilidade do Banco de Alimentos-, ao restaurador galego asentado na illa Rafael Varela, e aos clubs Náutico, Victoria e Metropole, onde se celebrou o acto, así como á Cadea Ser, todas elas e eles pola súa colaboración nos obxectivos solidarios da entidade.

O momento máis emotivo foi o nomeamento como Presidente de Honra a Ricardo Villares Paz, quen estivo 30 anos á fronte da Casa de Galicia, persoeiro xa senlleiro na historia da nosa diáspora, e unha das persoas con mellor imaxe e máis recoñecemento en toda Gran Canaria, por ter potenciado o labor solidario da entidade que dirixiu.

Del afirmou Rodríguez Miranda que “fan falta moitas mulleres e moitos homes que, coma ti, e coma di o noso himno, sexan ‘bos e xenerosos’. No meu nome, no do Goberno de Galicia, pero, sobre todo, de tódolos galegos e galegas de ben, grazas polo traballo realizado”.

A celebración concluíu coa actuación da Coral da Casa de Galicia e unha cea de confraternidade, na que non faltou a tradicional queimada e conxuro que xa caracterizan as celebracións da diáspora, e a actuación dunha orquestra para amenizar o final da velada coa que a comunidade galega nas illas conmemorou os 65 anos de existencia da entidade canariona.

Importante labor social
A Casa de Galicia das Palmas posúe un edificio de cinco andares que conta, entre outras instalacións, con salón nobre, outro de actos sociais, biblioteca, sala xuvenil, de audiovisuais, obradoiro de música, ludoteca, salas de xuntas e de comisións, solario, e servizos de hostalaría.

Fundada no ano 1951, a mediados dos setenta adquire o actual edificio no que hoxe ten a sede social. Ademais de organizar actos culturais diversos con ampla participación da comunidade galega e da autóctona, colabora nunha parte importante das que desenvolven outras entidades nadas nas Palmas, con especial incidencia nos convocados polas distintas casas rexionais asentadas na cidade, e polas sociedades recreativas e culturais da capital.

A entidade foi pioneira –hai xa 40 anos- na organización da famosa Cabalgata de Reis das Palmas, coa que levaba a cabo de maneira simultánea unha campaña de recollida de xoguetes para os nenos e nenas con recursos máis limitados da illa, que lle valeu un amplo recoñecemento social por parte da poboación nativa. Así, en xuño de 2005 foille outorgada a medalla de ouro da cidade das Palmas, e obtivo o Can de Prata do Cabildo de Gran Canaria, así como diversos recoñecementos ao mérito social.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, hai un total de 26.051 persoas nadas en Galicia e que residen arestora na Comunidade Autónoma das Illas Canarias, repartíndose practicamente á metade nas dúas provincias do arquipélago.

1307 lecturas