Roberto Varela presenta o festival multidisciplinar ‘Cidade Imaxinaria’ que se celebrará na Cidade da Cultura o 20 de agosto como “unha homenaxe ao mundo das artes escénicas”

O conselleiro de Cultura e Turismo salientou a vintena de espectáculos dirixidos a todos os públicos que terán lugar no Gaiás como “unha iniciativa aberta a múltiples expresións e linguaxes artísticas, unha fusión de música, danza, teatro e circo que conecta coa vocación da Cidade da Cultura de realizar unha abordaxe integral da cultura e das artes”.

O festival, de balde e dirixido a todos os públicos, rematará á noite cun abraiante espectáculo cos acróbatas da compañía francesa “Transe Expresse” realizando un número colgados a trinta metros do chan. A actividade contará tamén con obradoiros sobre ecoloxismo, proxeccións audiovisuais ou artes escénicas.

O ciclo “Atardecer no Gaiás” da Cidade da Cultura ofrece mañá o recital poético de Olalla Cociña e Bernardo Martínez. O venres continúa co pop da banda de Helsinki “Le corps mince de Françoise” e o sábado co concerto de música clásica, a cargo do dúo Jorge Montes e Alejandro Sanz.

Listen to this page using ReadSpeaker
4 de agosto de 2011.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá no Espazo OFF da Cidade da Cultura o festival multidisciplinar ‘Cidade Imaxinaria’, dirixido a todos os públicos e que concentrará o vindeiro sábado 20 de agosto a máis dunha vintena de espectáculos artísticos de pequeno formato no Gaiás entre magos, bailaríns, acróbatas, músicos, cómicos e actores. O conselleiro destacou a iniciativa como “un amplo abano de espectáculos que este festival concentradas nun só día” e que pretende “ser unha homenaxe e servir de apoio ao mundo das artes escénicas”. A presentación contará coa participación da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o director de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, Ignacio Santos.

Respecto a vintena de artistas e compañías que o sábado 20 de agosto pasarán polo Gaiás, o titular de Cultura e Turismo asegurou que “boa parte deles serán galegos, demostrando así o potencial artístico e a calidade deste sector da cultura da nosa terra”. Para Roberto Varela ‘Cidade Imaxinaria’ supón “unha oferta de ocio didáctico e participativo que vai máis aló do entretemento e que contará con obradoiros que buscan estimular a capacidade creativa e espertar novos intereses artísticos, especialmente entre os máis novos”.

Segundo informou o conselleiro de Cultura e Turismo, “a parte didáctica da actividade articularase a través de espazos para explorar o teatro, para dar os primeiros pasos na danza, para aprender a montar proxeccións audiovisuais, para introducirse no mundo da maxia ou para experimentar con sombras chinesas”. Deste xeito, Roberto Varela definiu ‘Cidade Imaxinaria’ como “unha iniciativa aberta a múltiples expresións e linguaxes artísticas, unha fusión de música, danza, teatro e circo que conecta coa vocación da Cidade da Cultura de realizar unha abordaxe integral da cultura e das artes”.

Na súa intervención, o responsable de Cultura e Turismo subliñou a importancia desta iniciativa para “apoiar aos artistas e creadores de base e ofrecer un xeito imaxinativo e diferente de coñecer a Cidade da Cultura”. En verbas do conselleiro, “o especial formato do festival permitirá avanzar no obxectivo de dinamizar o conxunto de espazos arquitectónicos do Gaiás”. Ao fío desta idea, Roberto Varela lembrou que ‘Cidade Imaxinaria’ “forma parte dos eventos dunha programación cultural coa que a Cidade da Cultura conseguiu superar xa os 150.000 visitantes, e que conta, ademais, cunha excelente valoración por parte do público”.

12 horas de espectáculos
Dende as once da mañá ata as once da noite, as persoas que se acheguen atoparán unha festa que fusiona música, teatro, circo, e que rematará cun impresionante espectáculo visual e musical no que os acróbatas da compañía francesa Transe Expresse realizarán un número colgados dun guindastre a máis de trinta metros de altura.

O Gaiás amosará ese día espazos abraiantes, como a “ biblioteca de maxia”, onde se agochan 576 “caixas negras” que agochan trucos sorprendentes, entre os que os espectadores poderán elixir un para pedirlle a un mago que o represente. Durante toda a xornada soarán ritmos e melodías diferentes, como a sesión electrónica do dj Zeta, que lle porá música á “danza enfurecida” dos bailaríns de Dancetheatre. Nese festival terán oportunidade de deixarse fascinar polos prodixios da “Feira dos Inventos”, entrar na caravana da “Caixa de Mixtos” e contemplar algunha das proxeccións fantásticas que alí se exhibirán, ou sentar a escoitar historias contadas a través da técnica milenaria das sombras chinesas.

Polas rúas e soportais pasearán os piratas da compañía de teatro Sin Fin, recrutando “novos grumetes” e invitando o público a sumarse á procura do tesouro que se agocha nalgún lugar do monte. Haberá espazo para os monicreques, para coñecer os soños dun autómata ou para emocionarse coa delicadeza artística dos poemas visuais de Jordi Bertrán, que demostrará como se pode facer poesía con letras sen que sexa preciso construír palabras. Será tamén unha xornada para que nenos e adultos aprendan xogando, con obradoiros sobre ecoloxismo, con outros onde os participantes lle perderán o medo aos escenarios e poderán dar os seus primeiros pasos como bailaríns, actores ou aprendices de magos.

Música e poesía na Cidade da Cultura
“Atardecer no Gaiás”, o ciclo que combina música e poesía para gozar do momento máxico do luscofusco dende a praza da Cidade da Cultura, continuará mañá ás 21 horas co espectáculo “Polares” da poeta Olalla Cociña e o compositor e músico Bernardo Martínez, un recital de “versos diminutos” que eles mesmos definen como “misterios cotiáns e frases que non rematan”.

O venres será o momento do pop co grupo feminino de Helsinki “Le Corps Mince de Françoise”, que presentará o seu disco “Love & Nature”. Con temas tan bailables como “Take to the mountains”, “Gandhi” ou “Cool and bored”, as irmáns Enma e Mia Kemppainen ofrecerán un concerto fresco e optimista.

A música clásica chegará o sábado co dúo de música clásica formado por Jorge Montes e Alejandro Sanz, que ofrecerá a actuación “Marimolin” con obras de Thomas Oboe Lee, composta para marimba e violín, e que interpretarán as pezas “O pulcre facies” de Fernando Buide, “Os tres microestudos para marimba” de Karolis Biveinis e “Legal Highs” a obra para violín e marimba de David P. Jones.

1284 lecturas