A Cidade da Cultura de Galicia supera a cifra dos 150.000 visitantes co impulso dunha programación cultural que obtén unha valoración media de 8,26 puntos sobre 10

O programa cultural púxose en marcha cunha acollida moi positiva por parte do público, especialmente en actividades como ‘Atardecer no Gaiás’ ou ‘Os Seráns do Tac’, no que se venderon todas as localidades. Tamén nos novos tipos de visitas (máxicas ou astronómicas), nas que se están a cubrir as prazas que se ofertan e mesmo se tiveron que prorrogar ao mes de agosto debido á forte demanda.

O 93 por cento das persoas que participaron nunha actividade do programa cultural aseguran que a recomendarían os seus amigos.

A páxina web da Cidade da Cultura triplicou o número de usuarios dende a posta en marcha do programa cultural, con preto de 50.000 visitas ao mes.

Mozos dunha vintena de países diferentes enviaron inscricións para participar no ‘I Encontro de Artistas Novos. Cidade da Cultura de Galicia’, que se celebrará en setembro. Preto de catro mil descargaron as bases e 311 formalizaron a súa solicitude. De entre eles, un xurado elixirá aos cen candidatos que participarán no evento.

Listen to this page using ReadSpeaker
2 de agosto de 2011.

Máis de 150.000 persoas visitaron a Cidade da Cultura de Galicia dende a súa apertura ao público o pasado 11 de xaneiro. O complexo do Gaiás chega esta cifra impulsado pola boa acollida que está a ter o programa cultural para o segundo semestre, que comezou o pasado mes de xuño e que continuará ata a apertura do Museo de Galicia.

Proba da resposta positiva do público ás actividades postas en marcha é o avance dos resultados da primeira enquisa de valoración. As persoas que participaron nalgún destes eventos concedéronlle unha valoración media de 8,26 puntos sobre 10. Ademais, o 93 por cento dos enquisados asegura que recomendaría aos seus amigos a actividade á que asistiu.

Da nova oferta cultural posta en marcha, foi especialmente boa a acollida dos novos tipos de visitas, ata o punto que o programa Visitas Máxicas, previsto inicialmente para os domingos de xullo, ampliarase tamén aos do mes de agosto ante a demanda do público. Ademais, o programa de teatro infantil Titemá, que se celebrou durante o mes de xuño, completou o aforo en todos os pases celebrados.

Do mesmo xeito, no programa Un novo lugar para mirar ao ceo, onde se combina a visita a Cidade da Cultura cunha observación astronómica, estanse a cubrir todas as prazas ofertadas. A ‘carta de visitas’ ampliouse o pasado fin de semana coas Visitas Didácticas, nas que os participantes poderán achegarse ao contido das exposicións temporais que acolle o Gaiás da man dun guía especializado. Estas novas visitas completaranse cos obradoiros didácticos para a exposición Typewriter: a historia escrita á maquina, que comezarán o próximo martes 2 de agosto.

Do mesmo xeito, as entradas dos dous concertos celebrados dentro do ciclo Os Seráns do TAC, onde se combina a música contemporánea coa gastronomía ou o humor, vendéronse todas e o ciclo Atardecer no Gaiás, que cada xoves, venres e sábado, trae unha actuación á Cidade da Cultura durante o momento do luscofusco, chegou a reunir ata preto de trescentas persoas nun só serán. Con este éxito de afluencia contaron os concertos de Mischa Maisky celebrados na Cidade da Cultura, ou da cantante Luz Casal, que tivo lugar na praza da Quintana dentro do programa das Festas do Apóstolo en Santiago.

Ao longo deste dous meses, mozos dunha vintena de países diferentes enviaron solicitudes para participar no I Encontro de Artistas Novos. Cidade da Cultura de Galicia, que se celebrará do 4 ao 9 de setembro. Preto de catro mil persoas interesaronse por este encontro, e en total recibíronse 311 inscricións. O xurado dará a coñecer en breve a lista das 100 persoas seleccionadas -50 serán de Galicia e outras 50 do resto de España e do estranxeiro-.

A posta en marcha do programa cultural fixo tamén que se triplicasen o número de visitas a páxina web da Cidade da Cultura de Galicia, situándose preto das 50.000 cada mes.

1211 lecturas