Feijóo sinala que Galicia é “un país de cultura” con espazo para unha Cidade da Cultura que apoie a difusión da obra dos creadores galegos.
No acto de inauguración da Biblioteca e o Arquivo da Cidade da Cultura, o titular da Xunta agradeceu aos Príncipes de Asturias, “que representan o futuro de España”, que avalen coa súa presenza “un proxecto de futuro” e un “icono útil para Galicia e para España porque é atraínte e admirable para o resto do mundo”.
Di que “canto máis se coñece, máis se comprende e se aprecia a Cidade da Cultura e o que os galegos podemos chegar a obter dela” e subliña que o seu papel de “centro de peregrinación cultural” será “útil para Galicia e para España”.
Recoñece as achegas dos tres gobernos e dos tres partidos que contribuíron a que fora posible abrir os primeiros edificios da Cidade da Cultura de Galicia e aposta por proseguir o proxecto “coa racionalidade que esixe este momento”.
“Nos principais itinerarios do mundo haberá dende hoxe unha nova parada obrigada, con data do século XXI, e con sinal galaico”, resalta, e afirma que Galicia asume este reto “cunha concepción aberta da nosa identidade e con grandes doses de esperanza”.
Define a Cidade da Cultura de Galicia como un “complemento perfecto” da Catedral de Santiago e destaca a coincidencia temporal que “unirá para sempre, cada ano 11” os seus respectivos aniversarios, cunha diferenza de oito séculos.
Recoñece as achegas dos tres gobernos e dos tres partidos que contribuíron a que fora posible abrir os primeiros edificios da Cidade da Cultura de Galicia e aposta por proseguir o proxecto “coa racionalidade que esixe este momento”.
Salienta a beleza arquitectónica, “sorprendente e impactante” desta Cidade; e a súa categoría equiparable a de infraestruturas recoñecidas internacionalmente coma ao MOMA de Nova York, á Ópera de Sidney, ou ao Guggenheim de Bilbao.
Resalta a riqueza cultural que nela poderemos chegar a atopar, tan extensa como a nosa propia historia. “Así, aquí apreciamos as primeiras edicións das obras de Rosalía ou de Murguía; e á vez, chegaremos a ver como neste mesmo lugar latexará o corazón dixital de Galicia ao ritmo dos novos tempos”.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou, este mediodía, a Galicia como “un país de cultura” no que hai espazo para unha Cidade da Cultura que dea apoio á difusión da obra dos creadores galegos. Neste senso, asegurou esta infraestrutura “é, debe ser e será” un respaldo a todos aqueles que configuraron a cultura galega no pasado e a de todos aqueles que o seguirán facendo no presente e no futuro, e en diversos ámbitos como a escritura, as artes plásticas, escénicas ou o audiovisual.
No acto de inauguración da Biblioteca e o Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia, o responsable do Goberno galego quixo agradecer, nun primeiro termo, aos Príncipes de Asturias, “que representan o futuro de España”, que avalen coa súa presenza “un proxecto de futuro” para a nación española. “Como fixen xa en reiteradas ocasións polo seu apoio ao Ano Santo, quero tamén hoxe agradecer que avalen coa súa asistencia esta Cidade da Cultura, un icona, útil para Galicia e para España, porque é atraente e admirable para o resto do mundo. Grazas por sumarse a esta nova ilusión desde Galicia e desde España, para Galicia, para España e para o mundo”, dixo.
Un novo reto que podemos volver superar
Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que, os galegos, “que sempre nos rebelamos contra o inmobilismo, volvemos exercer hoxe a paternidade do noso futuro e facémolo coma sempre: cunha concepción aberta da nosa identidade e con grandes doses de esperanza”.
“Os galegos sempre nos sentimos a gusto poñendo o noso gran de area en grandes proxectos, económicos, políticos ou, como este, culturais. E grazas a iso, nos principais itinerarios do mundo haberá desde hoxe unha nova parada obrigada, con data do século XXI, e con sinal galaico”, asegurou.
Deste xeito, afirmou que a relevancia internacional da Cidade da Cultura será, “sen dúbida, un revulsivo nestes tempos que precisan máis que nunca de novas ilusións”. Pero tamén terá unha repercusión interna “certamente importante para reforzar a nosa autoestima colectiva, ao ser este un novo reto que podemos volver superar”.
Galicia, “un País de Cultura”, aberto e creativo
Feijóo asegurou que hoxe damos un paso máis que avanza no camiño iniciado e percorrido polos nosos devanceiros. “Se durante demasiado tempo garantiron a pervivencia da nosa cultura en solitario e sen respaldo, esta infraestrutura é, debe ser e será o apoio á difusión da obra dos creadores” galegos do pasado, do presente e do futuro.
“Galicia foi soñada na mente de persoeiros como os que poderemos consultar nesta biblioteca. As súas palabras fixeron posible a supervivencia da nosa terra, apoiáronse en símbolos de convivencia e entendemento, como o Camiño de Santiago, e mesmo no fenómeno da emigración para facer de Galicia punto de encontro entre a vella Europa e América”, dixo.
O responsable do Goberno galego lembrou que durante todo o ano 2010 Galicia asumiu a capitalidade europea da Cultura “e fíxoo –engadiu- con éxito ata facer deste último Xacobeo, o mellor da nosa historia”. E aseverou que este éxito foi posible “porque o fixemos do xeito en que os galegos nos integramos en España e nos damos a coñecer no mundo: achegando a cultura que construímos durante séculos, e de paso achegándonos ás culturas daqueles que nos visitan. Hoxe dámonos unha ferramenta nova, pero sen alterar o que nos caracteriza como un pobo aberto e creativo”. Neste senso, definiu a Cidade da Cultura de Galicia como un “complemento perfecto” da Catedral de Santiago e destacou que o seu papel como centro de peregrinación cultural será “útil para Galicia e para España”.
Unha infraestrutura de relevancia internacional
O titular da Xunta salientou a beleza arquitectónica, “sorprendente e impactante” desta Cidade; a súa categoría equiparable a de infraestruturas recoñecidas internacionalmente coma ao MOMA de Nova York, á Ópera de Sidney, ou ao Guggenheim de Bilbao e a riqueza cultural que nela poderemos chegar a atopar, tan extensa como a nosa propia historia. “Así, aquí apreciamos as primeiras edicións das obras de Rosalía ou de Murguía; e á vez, chegaremos a ver como neste mesmo lugar latexará o corazón dixital de Galicia ao ritmo dos novos tempos”.
“A medida que un camiña por este Gaiás percibe dúas sensacións. Nos primeiros pasos que aquí se dan, admiración. E nos seguintes, un entusiasmo que medra segundo se vai avanzando porque canto máis se coñece, máis se comprende e máis se aprecia esta Cidade da Cultura de Galicia e o que os galegos poderemos chegar a obter dela”, afirmou.
Despois de ver na Cidade da Cultura un “complemento perfecto” para un dos símbolos máis importantes da nosa terra como é a Catedral de Santiago; Feijóo distinguiu varios paralelismos entre elas. “Existen coincidencias na súa concepción, que distingue funcións distintas, pero que ten as mesmas doses de fe e de humanismo. Existen coincidencias na súa evolución, máis brumosa ao principio, pero cada vez máis resplandecente; non esquezamos, por exemplo, que a Praza do Obradoiro foi durante un tempo unha simple ‘explanada’ e foi preciso bautizala ata con seis nomes distintos para convertela no que é hoxe, un dos patrimonios da humanidade”.
Así mesmo, resaltou que existe unha coincidencia temporal, “que unirá para sempre, cada ano 11”, o aniversario da consagración da Catedral de Santiago e da apertura desta Cidade da Cultura de Galicia, cunha diferenza de oito séculos. “E existen –engadiu- coincidencias na súa finalidade: se aquela se converteu nun centro de peregrinación espiritual que custodia os restos do Patrón de España ou de tesouros como o Códice Calixtino; o Gaiás será un centro de peregrinación cultural que resgarde exemplares únicos, como unha das primeiras edicións de Follas Novas, ou os manuscritos do único Premio Nobel de Literatura galego; e que guíe desde hoxe as bibliotecas e os arquivos de Galicia”.
O presidente da Xunta recoñeceu as achegas dos tres gobernos e dos tres partidos que contribuíron para que hoxe se puideran inaugurar os primeiros edificios da Cidade da Cultura de Galicia. “O Goberno presidido por Manuel Fraga pensouna, iniciouna e abriu o camiño. O Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño tamén creu nela e continuouna. E hoxe, esta Xunta de Galicia continúa o traballo dos seus predecesores asume a honra de abrir as portas da Biblioteca e do Arquivo”, dixo, e apostou por proseguir co proxecto “coa racionalidade que esixe este momento”.
Con anterioridade, Feijóo afirmou que dalgún xeito, “somos peregrinos de nosa propia historia”. “Como os máis de nove millóns que chegaron a Galicia en 2010, vivimos etapas máis difíciles ca outras. Pero en calquera delas, demostramos que o camiño só se pode realizar paso a paso, e só pode fortalecerse se ningunha xeración deixa de andalo”.
E concluíu aseverando que o compromiso ininterrompido e colectivo é o que nos permitiu chegar ata aquí. “E ese mesmo compromiso ininterrompido e colectivo é o que debe guiarnos no futuro, para completar e enriquecer este país con novos instrumentos”, aseverou.
Novas relacionadas