A programación da Xunta de Galicia para as Letras Galegas achégalles a figura de Paz-Andrade a milleiros de cidadáns e cidadás de Galicia e do Exterior

O conselleiro de Cultura e Educación presentou o pasado sábado as múltiples actividades coas que o Goberno galego contribúe á difusión da obra e da biografía do autor, así como á posta en valor da lingua e da literatura galegas.

O día 17 de maio, a Xunta sumarase ás celebracións institucionais cun acto no CIFP Valentín Paz-Andrade de Vigo ás 13:30 horas.

  • Día das Letras Galegas 2012: Valentín Paz Andrade.
    Día das Letras Galegas 2012: Valentín Paz Andrade.
  • Xesús Vázquez Abad presentou a programación do Día das Letras Galegas .
    Xesús Vázquez Abad presentou a programación do Día das Letras Galegas .
  • Xesús Vázquez Abad presentou a programación do Día das Letras Galegas .
    Xesús Vázquez Abad presentou a programación do Día das Letras Galegas .
  • Xesús Vázquez Abad presentou a programación do Día das Letras Galegas .
    Xesús Vázquez Abad presentou a programación do Día das Letras Galegas .
Listen to this page using ReadSpeaker
15 de maio de 2012.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou este sábado na Cidade da Cultura de Galicia o programa de actividades promovidas pola Xunta de Galicia para dar a coñecer a figura de Valentín Paz-Andrade, co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas a este poeta, político e empresario. Un programa pensado para achegarlles a milleiros de cidadáns e cidadás de todos os concellos de Galicia, e tamén doutras comunidades e países, a vida e mais a obra deste autor.

Vázquez Abad, acompañado polos secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, salientou esta celebración como “unha motivación para un fervedoiro social de propostas nos que se implican as máis diversas entidades sociais, desde asociacións ata cadeas de supermercados, institucións académicas e un longuísimo etcétera”.

Neste sentido, explicou que a Xunta de Galicia se suma cada ano “a este festexo colectivo arredor da lingua galega e da súa literatura, coa intención de apoiar e de promover un conxunto de iniciativas coas que pretendemos contribuír á difusión da obra e da biografía de Paz-Andrade, así como á posta en valor da nosa lingua”.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou a oportunidade que as Letras Galegas supón “para contribuír ao afondamento na investigación e na publicación da obra do autor homenaxeado”. Con este fin, a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura está a apoiar a edición de diversas obras de referencia sobre Valentín Paz-Andrade, que permiten novos achegamentos á súa biografía e á súa produción.

Difusión social
Tal e como explicou o conselleiro, as actividades en homenaxe de Paz-Andrade arrincaron coa posta en marcha do web do autor (http://www.valentinpazandrade.es/), como centro informativo e de documentación, “un motor para as múltiples actividades que se xestan desde asociacións e entidades de todo tipo, tanto dentro como fóra de Galicia”, e que permite asegurar “unha chegada masiva e sen fronteiras para calquera persoa interesada”.

Respecto das actuacións para a difusión social, Vázquez Abad salientou tamén as pezas audiovisuais construídas sobre os versos do homenaxeado e que, grazas á colaboración da Televisión de Galicia, se están a emitir ao longo deste mes de maio esparexidas pola programación diaria. Tamén se difundirá nos medios de comunicación a campaña institucional do Día das Letras que cada ano realiza a Xunta; e a canle de internet linguagalega.tv difundirá o documental Paz-Andrade. Cen chaves de luz.

Neste marco de actuacións de difusión social, a Consellería tamén aposta pola música para dar a coñecer a poesía de Paz-Andrade. Con este fin, ten en marcha actualmente actuacións de rúa, a cargo dos grupos Xardín Desordenado e Tender a Man, que están a percorrer diversas cidades de Galicia cos versos musicados do autor.

Acto institucional da Xunta o 17 de maio
Este mesmo formato de música e poesía será tamén o que se empregue na Cidade da Cultura o día 17, a partir das 19:30 horas, co recitado de Yolanda Castaño no proxecto Tender a man. Ademais, as persoas que visiten o Gaiás durante a semana que vén recibirán unha postal conmemorativa das Letras Galegas co poema As palabras.

O propio día 17 de maio, pola mañá, a Xunta de Galicia participará no acto académico central da Real Academia Galega. A seguir, o Goberno galego celebrará un acto institucional no Centro Integrado de Formación Profesional Valentín Paz-Andrade, de Vigo, no que o presidente da Xunta de Galicia inaugurará unha exposición multimedia sobre o autor.

Difusión exterior das Letras Galegas
O conselleiro quixo facer unha mención especial á ampla actividade arredor das Letras Galegas que se está a desenvolver na Galicia exterior, grazas á implicación e ao esforzo das galegas e galegos que, desde outras comunidades autónomas, difunden a lingua e a cultura galegas. Tamén fixo referencia á programación que desenvolven os centros de estudos galegos de universidades de distintos países, “que baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística realizan un auténtico labor de embaixada para a nosa lingua e a nosa cultura no exterior”.

Actividades nas bibliotecas
As bibliotecas galegas, e así o destacou Vázquez Abad, están a funcionar tamén como centros dinamizadores das actividades programadas co gallo da celebración das Letras Galegas. En concreto, as bibliotecas nodais están a celebrar mostras dos fondos bibliográficos de Paz-Andrade e diversos contacontos para a animación á lectura entre os máis novos.

Por outra banda, no ámbito escolar, a través da rede de bibliotecas escolares e do labor permanente de colaboración dos equipos de dinamización da lingua galega, pónense a disposición do conxunto da comunidade educativa materiais para a difusión da obra e da figura do homenaxeado, “desde un telexornal sobre Paz-Andrade feito por reporteiros de primaria ata unidades didácticas interactivas construídas por profesoras e profesores para axudar a indagar no autor ou cuestionarios web”, sinalou Vázquez Abad.

Ademais destas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará ata finais de ano por centros escolares de secundaria e polas bibliotecas nodais de Galicia unha exposición con audiovisuais sobre as distintas facetas do poeta, político e empresario.

Participación cidadá
Con estas accións destinadas ao conxunto da cidadanía, a Xunta de Galicia quere contribuír á descuberta masiva da obra poética de Paz-Andrade, unha promoción á que os galegos e as galegas lle están a dar unha moi boa acollida. Neste sentido, Vázquez Abad quixo ter un recoñecemento e “un agradecemento expreso aos centos de persoas, maiores e xente nova, que durante todo o mes de maio se implican cada ano na celebración de actividades arredor das Letras Galegas”; así como ao voluntariado das asociacións culturais e dos centros escolares, “que están traballando arreo para a posta en valor da lingua e da cultura, para a difusión dos poemas e dos fitos da vida de Paz-Andrade entre a poboación”.

“Esa implicación social, que é a maneira de construír colectividade, cultura e tamén educación é a que permite que contemos cun festexo compartido da envergadura das Letras Galegas, que sen dúbida é a festa grande da nosa lingua e da nosa cultura e unha oportunidade magnífica para poñelas de maneira positiva no foco da actualidade e das nosas vidas”, rematou.

1090 lecturas