Xesús Vázquez Abad ensalza a figura de Valentín Paz-Andrade nun encontro coa Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destacou a importancia da faceta empresarial do autor ao que Galicia lle dedica o Día das Letras Galegas.

Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz-Andrade, acompañou a Vázquez Abad neste acto que reuniu en Barcelona medio cento de empresarias e empresarios galegos e cataláns.

  • O conselleiro de Cultura, durante a súa visita a Barcelona.
    O conselleiro de Cultura, durante a súa visita a Barcelona.
  • O conselleiro de Cultura, durante a súa visita a Barcelona.
    O conselleiro de Cultura, durante a súa visita a Barcelona.
  • O conselleiro de Cultura, durante a súa visita a Barcelona.
    O conselleiro de Cultura, durante a súa visita a Barcelona.
Listen to this page using ReadSpeaker
8 de maio de 2012.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou onte nun encontro coa Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña (AEGA-CAT). Na xuntanza, Xesús Vázquez Abad estivo acompañado por Alfonso Paz-Andrade, fillo do autor ao que a Real Academia Galega -reunida en plenario o 4 de xuño de 2012- acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do presente ano.

Tamén asistiron ao encontro o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da entidade e presidente da empresa galega Filmax Entertainment, Julio Fernández e varios dos membros da xunta directiva da AEGA-CAT: Amancio López, da empresa hoteleira HOTUSA; Nicolás de Salas, de Ceca Magán Abogados; Alfonso Pérez, da empresa de arquitectura Pérez Guerra & Cía SL; Josep Marfull, de La Orotava Consulting; Celestino Lamas, da construtora-inmobiliaria Lamas Bolaño; Francisco Cabanas, do grupo de construcción ANALIN; Raúl González, da notaría Cabadés, Valls & González; Marta Rodríguez, da sanitaria IMP e Antonio Parente, do grupo cosmético Lipotec. O Encontro contou ademais coa presenza doutras persoas integrantes do sinalado colectivo empresarial, que tiveron oportunidade de formularlle ao conselleiro diferentes cuestión relacionadas coas liñas de traballo que se están a desenvolver desde Cultura e Educación e que teñen relación directa ou vinculación co ámbito empresarial.

Paz-Andrade e Galicia como “grande empresa”
Vázquez Abad tomou a palabra para destacar a figura dun multifacético Valentín Paz- Andrade “empresario, economista, ensaísta, poeta, xurista, xornalista e político”. O conselleiro tamén puxo de relevo que “Paz-Andrade sempre tivo presente a Galicia, á hora de abordar cada un dos seus proxectos empresariais, tanto no seu corazón como na súa mente”, e destacou que “foi un dos primeiros intelectuais e empresarios en manifestar as condicións precisas para a proxección de Galicia a nivel internacional, e en falar do galego como ferramenta-ponte de comunicación cos países da Lusofonía”.

Ao fío disto último, subliñou “a importancia do galego como estratexia empresarial e como vía privilexiada de comunicación cos países de fala lusobrasileira”, ademais de sinalar que “as evidentes vantaxes da lingua propia de Galicia dentro do intercambio social e cultural, tamén nos serven aos galegos e ás galegas-e moito- nas nosas accións comerciais e relacións bilaterais coas potencias emerxentes como O Brasil, que constitúen hoxe en día mercados propicios para a expansión exterior dun número importante das nosas empresas”. O conselleiro puxo de manifesto que “Paz-Andrade xa sinalou na súa obra Galicia como tarea, de 1959, O Brasil como unha potencia a ter en conta”.

A educación como motor social e empresarial
Durante o encontro coas empresarias e empresarios cataláns, Vázquez Abad destacou o labor desenvolvido desde o departamento que dirixe, para o cal é, en palabras do conselleiro “un reto básico lograr que a nosa cultura sexa unha parte fundamental da imaxe de Galicia e que esta estea integrada na súa marca”, e engadiu que “neste senso a educación é un dos grandes retos que afrontamos, xa que, precisamente, é do éxito educativo do que dependen e dependerán moitas das nosas posibilidades futuras”.

E para encarar ese futuro sinalou o conselleiro de Cultura e Educación que “a Administración educativa e os propios centros han de ofrecer oportunidades e solucións na mesma medida na que lles demanda esforzos aos estudantes que participan como protagonistas da educación”.

O conselleiro destacou os importantes pasos a prol dunha educación de calidade que se están a sar en Galicia, que adquiren unha especial importancia nestes momentos de crise, nos que o Goberno galego aposta por “cumprir co compromiso coa sociedade, cun proxecto de futuro, xa que na educación se asentan as bases dos proxectos de vida da propia sociedade”. Así, no seu relatorio sinalou todos os esforzos, plans e iniciativas desenvolvidas pola Consellería en todos os niveis educativos.

A importancia da Cidade da Cultura
Na súa intervención, tamén fixo referencia á importancia da cultura e dixo que “tratamos de impulsar proxectos que busquen un equilibrio dinámico entre as necesidade e os recursos para avanzar en cada un dos eixes das políticas culturais locais”. Para rematar, Vázquez Abad falou da importancia da Cidade da Cultura de Galicia: “ha tender pontes co exterior por razóns xeoestratéxicas e financeiras, ademais de ser un catalizador que sirva para dinamizar e vertebrar as políticas culturais locais no noso territorio coordinando os programadores e creando amplos corredores culturais”. “A Cidade da Cultura ten todo un futuro por diante” e será -parafraseando ao propio Paz-Andrade-, o lugar idóneo para establecer unha “relación viva entre a sociedade galega e a súa produción cultural”.

Os Encontros AEGACAT
A AEGA-CAT, asociación que integra empresarias e empresarios galegos de Calatuña, organiza con carácter mensual encontros que teñen como obxectivo promover os vínculos entre as empresas que conforman o colectivo, fomentar as súas oportunidades de negocio e contrastar opinións coas persoas convidadas dos eidos político e económico -neste caso o conselleiro- que participan neles.

No Encontro que tivo lugar onte participaron os e as responsables de medio cento de empresas, maiormente galegas establecidas en Cataluña, mais tamén catalás, entre as que cómpre salientar HOTUSA, Filmax Entertainment, Sargadelos Barcelona, Banco Gallego ou Rías de Galicia.

922 lecturas