Valentín Paz Andrade ten desde hoxe a súa dimensión máis actual e universal en Internet

O web oficial do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 foi presentado esta mañá pola Consellería de Cultura e Educación, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o fillo do escritor, Alfonso Paz-Andrade.

O secretario xeral de Cultura definiu “esta nova fiestra para achegármonos ao escritor como un recurso imprescindible de difusión e posta en valor da súa figura e do seu legado”, que inclúe documentos inéditos dixitalizados.

O secretario xeral de Política Lingüística puxo de relevo o compromiso que adoptou Valentín Paz Andrade coa lingua galega.

A Xunta de Galicia tamén conmemorará o 17 de maio cunha exposición itinerante e multimedia sobre o escritor, que percorrerá centros educativos e bibliotecas.

Listen to this page using ReadSpeaker
27 de febreiro de 2012.

Valentín Paz Andrade. Día das Letras Galegas 2012.Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, ten desde hoxe unha ferramenta fundamental para a posta en valor e a difusión da súa figura e do seu legado. Trátase do web oficial do autor, un punto de referencia para contar con datos contrastados, cunha bibliografía completa e mesmo con elementos complementarios de alto interese para achegarse ao escritor, como fotografías e textos inéditos dixitalizados.

A Consellería de Cultura e Educación aborda a posta en marcha deste web desde o desenvolvemento asumido por Industrias Pesqueras, revista fundada, en 1927, por Valentín Paz Andrade e que hoxe dirixe o seu fillo, Alfonso Paz-Andrade.

Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística da consellería, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, e Alfonso Paz-Andrade presentaron esta mañá o web oficial do escritor na Cidade da Cultura, co apoio do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, que tamén participaron na rolda de prensa.

Nova dimensión dixital de Paz Andrade
Durante a presentación, Anxo Lorenzo referiuse ao web como “a versión máis actual e universal de Paz Andrade, que é a súa nova dimensión dixital”. O secretario xeral tamén destacou o web como “unha nova fiestra para achegármonos a Valentín Paz Andrade desde calquera punto de Galicia e desde calquera punto do mundo, cun acceso libre para calquera usuario e co coidado e o rigor dos axentes máis implicados”.

Neste sentido, fixo fincapé na “aposta da Xunta por abordar estas iniciativas de ampla relevancia social desde a implicación das entidades e persoas que velan e protexen o legado do escritor, así como por contar sempre coa colaboración das principais institucións e entidades culturais de Galicia”, en referencia ao apoio do CCG e da RAG.

984 lecturas