A Xunta e a Real Academia Galega colaboran na conmemoración do Día das Letras Galegas 2012 e no 50º aniversario desta celebración

Alberto Núñez Feijóo reuniuse na mañá de onte co presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, para avanzar na cooperación entre ambas as institucións.

No encontro, o presidente galego presentou o programa de actividades da Xunta para conmemorar o Día das Letras Galegas 2012, con diversas propostas que difunden entre a cidadanía a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade.

O xefe do Goberno autonómico tamén confirmou “o compromiso da Xunta de Galicia coa celebración do 50º aniversario do Día das Letras Galegas”.

  • O presidente da Xunta no encontro que mantivo co presidente da Real Academia Galega. Autor: Xoán Crespo.
    O presidente da Xunta no encontro que mantivo co presidente da Real Academia Galega. Autor: Xoán Crespo.
  • O presidente da Xunta no encontro que mantivo co presidente da Real Academia Galega. Autor: Xoán Crespo.
    O presidente da Xunta no encontro que mantivo co presidente da Real Academia Galega. Autor: Xoán Crespo.
Listen to this page using ReadSpeaker
10 de abril de 2012.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo esta mañá un encontro co Presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, a quen lle ofreceu “a máxima colaboración do Goberno autonómico na celebración do 17 de maio e na posta en valor da lingua e da cultura galegas”. A cooperación entre ambas as institucións centrou o encontro desta mañá, no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos.

Durante a xuntanza, Núñez Feijóo avanzoulles aos académicos as actividades coas que o Goberno autonómico se suma á festividade das Letras Galegas 2012, dedicada a Valentín Paz-Andrade. O programa, que será presentado no Consello da Xunta nas próximas semanas, inclúe diversas propostas que afondan na vida e na obra do escritor e empresario para lle achegar á cidadanía o seu valioso legado, así como para poñer en valor a lingua e a literatura galegas. Ademais, o titular autonómico tamén confirmou “o compromiso da Xunta coa celebración do 50º aniversario do Día das Letras Galegas” para o que a RAG está a preparar unha programación especial de actividades.

Como vén sendo habitual, o propio 17 de maio, os máximos representantes da Xunta de Galicia acompañarán ao plenario da RAG no acto institucional que promoverá este ano en Vigo. Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo convidou a Academia a participar no acto que promoverá a Xunta de Galicia ese mesmo día na cidade da oliveira para sumarse á festa das letras galegas.

Programación para celebrar as Letras Galegas
Unha extensa axenda de actividades e publicacións promovidas por asociacións, escolas, empresas e institucións diversas celebra o Día das Letras Galegas deste ano 2012. A Xunta, como xa o vén facendo de maneira habitual, únese tamén ao festexo este ano apoiando e impulsando diversas iniciativas que contribúen a un maior coñecemento do escritor homenaxeado.

Con este obxectivo, o Goberno galego programou diversas actividades desde o inicio do ano, entre as que se inclúen dúas exposicións nos centros educativos. A primeira delas confórmana os carteis gañadores do concurso escolar que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre o Día das Letras Galegas, na que este ano resultaron premiados o CEIP Alfonso Daniel R. Castelao, de Rianxo, e o IES Xoán Montes, de Lugo. As secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura tamén levarán por centros educativos unha exposición itinerante sobre Valentín Paz-Andrade, con cinco paneis con audiovisuais, que completará o seu percorrido polas bibliotecas nodais de Galicia.

Minipezas audiovisuais e accións de rúa
A programación tamén inclúe diversas actuacións de dinamización social, entre as que destaca o apoio ao web oficial de Valentín Paz-Andrade (www.valentinpazandrade.com), promovido por Industrias Pesqueras. Ademais dos actos institucionais en Vigo o propio 17 de maio, a Xunta completará estas actuacións coa difusión de poemas sobre o escritor a través da canle de televisión pública autonómica, en formato de minipezas audiovisuais que se emitirán durante o mes de maio, e con accións de rúa de música e poesía.

A Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de Política Lingüística promoven tamén Lingua de namorar, un concurso de declaracións amorosas en galego a través do web, que vincula a celebración das Letras Galegas e internet e que se enfoca á xente nova.

Edicións conmemorativas
As publicacións serán tamén unha canle importante para se achegar á vida e á obra do escritor. O 2 de abril, Día do Libro Infantil, a Secretaría Xeral de Cultura presentaba a biografía e antoloxía para nenas e nenos e mocidade sobre Paz-Andrade, editada por Xerais. Nas próximas semanas verán a luz outros títulos que tamén contan co apoio do Goberno galego: a edición facsímil de Galicia como tarea, unha recompilación da obra poética de Valentín Paz- Andrade e a edición da relación epistolar entre Díaz Pardo e Paz-Andrade, as tres en Xerais; a obra Castelao na luz e na sombra, de Galaxia; e a edición do epistolario inédito de Valentín Paz-Andrade, na colección Cadernos Ramón Piñeiro.

Proxección internacional de Paz-Andrade
Completan a programación diversas iniciativas que difundirán o legado de Paz-Andrade no exterior. A través da súa rede de Centros de Estudos Galegos, a Xunta organizará en maio recitais, encontros, conferencias e exposicións de pequeno formato en universidades de todo o mundo. O Goberno galego tamén aproveitará a súa presenza nas grandes feiras do libro de América, a de Guadalaxara e a de Bos Aires, para difundir no stand oficial de Galicia a obra de Paz-Andrade. O Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e o Centro Galego de Barcelona serán outras das entidades que sumarán á celebración do 17 de maio fóra da comunidade autónoma galega. Finalmente, a proxección internacional de Paz-Andrade reforzarase cun suplemento especial sobre o escritor na publicación mensual España Exterior, que se distribúe en centros galegos de todo o mundo.

1521 lecturas