Presentado o adianto das conclusións do encontro intercontinental “Opción + Futuro”, no que participa Galicia

Na iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea, participan persoal técnico e asociacións de cinco países de fala galaico portuguesa, entre elas a galega Ecos do Sur.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, salientou a importancia deste tipo de intercambios para coñecer en profundidade o fenómeno migratorio actual.

Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba; o subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón; o director da ONGD Ecos do Sur, Francisco Hurtado; e maila gañadora do concurso de artes Opción+Futuro, Olalla Crespo, adiantaron esta mañá algunhas das conclusións do programa internacional ‘Opción+Futuro: sensibilizar para a migración positiva’. Trátase dunha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea na que participan asociacións de cinco países de fala galaico portuguesa, entre elas a galega Ecos do Sur.

O proxecto foi escollido en primeira escolma pola Unión Europea, canda outros trinta, entre máis de 2.500 presentados para cofinanciamento dentro da liña estratéxica “Xuventude en Acción”. Opçao + Futuro ten por obxecto reducir os impactos negativos das migracións na poboación máis nova, tanto no territorio de orixe coma no de destino. Nos primeiros meses desta iniciativa, tense involucrado a case 200 persoas participantes activas, con 2.700 beneficiarios e beneficiarias directos das accións do programa.

Galicia é a única comunidade autónoma española seleccionada para participar neste innovador programa transcontinental que ao longo do presente ano se desenvolveu de xeito itinerante en cinco países europeos e africanos. Esta iniciativa, apoiada pola Unión Europea e a Secretaría Xeral de Emigración, reuniu a mozas e mozos voluntarios e técnicos de diversas ONGD en torno ao debate sobre os aspectos máis senlleiros da migración, desde unha perspectiva aberta e orientada ao intercambio de experiencias entre os países emisores de emigrantes e os países receptores.

Observación ‘in situ’
Os encontros celebráronse ao longo do presente ano consecutivamente en España, Portugal, Mozambique, e, no pasado mes de setembro, en San Tomé e Príncipe, quedando unicamente pendente a cita en Cabo Verde. Ademais de constituír un foro de intercambio de coñecementos, teñen fornecido as ligazóns entre Galicia, Portugal e o oeste de África.

No caso da xuntanza en Galicia, celebrada no pasado mes de xuño, estivo dedicada á “Migración vs. Integración e diversidade cultural”. A axenda dos participantes incluíu actos en Compostela, A Coruña, Burela, Monforte, Castro Caldelas e Lugo. Ademais de xuntanzas de traballo e posta en común, realizouse unha visita a un piso de acollida para inmigrantes, observación de exemplos de emprendemento local exitosos, análise da integración no sector pesqueiro, visita ao Secretariado Xitano, gymkhana intercultural, mesas redondas, visitas á Fundación Paideia, Centro de Menores S.José de Calasanz, e inauguración na Fundación Rodríguez Iglesias da mostra Galicia somos todos, posta en marcha pola propia Secretaría Xeral da Emigración, e na que se salientan as historias persoais de inmigrantes en Galicia.

A ONGD Ecos do Sur, con sede na Coruña, representou a Galicia nos seminarios, exercendo de anfitrioa, canda a Secretaría Xeral de Emigración, nesa parada española do encontro do mes de xuño. “Opción + Futuro“ ten involucrado á Asociación para o Desenvolvemento das Terras de Regadío de Ferreira de Alentexo (Portugal), á entidade ADANE de Maputo (Mozambique), á Asociación de Fillos e Amigos de Janela (Cabo Verde), á Asociación de Escuteiros da Rexión do Príncipe (Santo Tomé e Príncipe), ademais da galega Ecos do Sur.

Algunhas conclusións
Á espera da clausura final do programa, que terá lugar en breve en Cabo Verde, algunhas das conclusións presentadas esta mañá en Compostela, froito dos encontros entre os representantes das mencionadas asociacións, van na liña da necesidade de fomentar unha información suficiente entre a poboación moza dos países emisores, de maneira que estes mozos e mozas sexan quen de escoller acertadamente entre a emigración ou o desenvolvemento de iniciativas e negocios no seu mercado local.

Igualmente, a identificación de boas prácticas (económicas, sociais, produtivas, etc) semella unha vía de desenvolvemento eficaz e sostible para os emprendedores e as emprendedoras nos países que arestora se atopan en vías de desenvolvemento, tanto para fornecer o mercado local como á hora de planificar a exportación de bens ou servizos.

Finalmente, e o fomento da xestión responsable dos procesos migratorios, tanto por parte das autoridades dos países de acollida como os de partida, revélase coma un aspecto de suma importancia para o futuro dos fluxos de persoas entre países e continentes. Estas conclusións, canda outras que se darán a coñecer en Cabo Verde, serán feitas públicas nun documento final resumo desta experiencia pioneira.

865 lecturas